Vigo recibe o IV Premio CEMCI ás Prácticas Municipais exitosas
“Somos exemplares en España en transparencia e bo goberno“, apuntou o rexedor, quen valorou positivamente a concesión deste galardón por parte do Centro de Estudos Municipais e de Cooperación Internacional.
Abel Caballero explicou que o CEMCI, que ten a súa sede en Granada, recoñece a adecuación dos contidos do Portal de Transparencia do Concello de Vigo, que foi reestruturado para facelo máis accesible e intuitivo co obxectivo de impulsar o desenvolvemento da política municipal en materia de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
Así, o Concello recibe o “IV Premio CEMCI ás Prácticas municipais exitosas" polo Plan de Avaliación e Seguimento de Transparencia e Bo Goberno de Vigo, polo que “somos exemplares en España”, e que ten unha dotación “simbólica” de 3.500 euros.
O Concello de Vigo ten en marcha este Plan de seguimento e avaliación desde 2019 elaborando unha Memoria de Transparencia e Bo Goberno do Concello de carácter anual, con fichas de indicadores de transparencia como instrumento de garantir a actualización e subministro de información en tempo real para publicar no Portal de Transparencia, publicando mensualmente no Portal as estatísticas de uso do mesmo e o establecemento dunha periodicidade trimestral para elaborar a publicación das estatísticas de solicitude de acceso á información pública.