Escoitar

Celébrase en Vigo a terceira reunión da Comisión das cidades portuarias

Estudiáronse as situacións derivadas dos problemas ambientais do mar.

venres, 21 mar 2003
1048255717Arco.jpg
Asistentes á reunión
As institucións presentes na reunión da Comisión de cidades portuarias do arco atlántico declararon que non se pode aceptar ningún acto de agresión contrario ao dereito internacional a ás mínimas normas de convivencia entre os estados e nacións como o acontecido recentemente con ocasión da intervención militar a Iraq.

No foro debateron os aspectos máis destacados da relación entre os portos e as cidades. A reunión, que estivo precedida do I Seminario internacional das relacións porto-cidade no que se debateron experiencias que buscan a converxencia entre estas dúas institucións, estudiou as situacións derivadas dos problemas ambientais do mar, con especial atención á contaminación marítima provocada polas mareas negras e o seu efecto sobre o ecosistema e as economías das colectividades humanas afectadas.

Os integrantes da Comisión de cidades portuarias elaboraron a "Declaración de Vigo" que se reproduce a continuación:

1.-A Comisión pretende avanzar no estudio das situacións derivadas na relación porto-cidade, no marco da fachada atlántica europea, profundizando sobre a base do programa Cityport, ampliando o estudio a outras cidades do norte europeo. O obxectivo inicial, de coñecer e entender as problemáticas específicas, debe continuar coa formulación de conclusións que serán obxecto do vindeiro seminario e posterior aprobación nunha reunión de cidades portuarias. No seminario do segundo semestre de 2003 trataranse as experiencias hanseáticas en materia de portos municipais e coñecementos doutras redes de cidades portuarias como Rete 2000. Crearase un grupo de traballo coas autoridades portuarias das cidades dirixido por Avilés. Presentaranse tamén os resultados dunha nova enquisa de cidades portuarias relacionada con temas de planificación física en zonas portuarias, cuestións de loxística (transporte, almacenamento... nas cidades e áreas metropolitanas) e sistemas de monitorización ambiental. A seguinte fase de Cityport será no ano 2004.

2.-A comisión ratificou os acordos da Declaración de Cork no relacionado coa catástrofe do "Prestige" e volveu incidir na necesidade de adoptar decisións específicas en materia de financiación mediante medidas ou paquetes determinados de actuacións. Acordouse insistir nesas medidas propostas e asumiu como tema propio facer un seguimento destas medidas.

3.-A comisión entende que é un reto fundamental para o futuro das cidades atlánticas a seguridade do tráfico marítimo, en especial, no referido ao transporte de materias perigosas. A responsabilidade dos estados tanto os titulares do pavillón como aqueles ribeireños, as aseguradoras, as empresas que fletan estes barcos e a comunidade internacional, entre outros, están obrigadas a convir unhas regras de xogo seguras cunha lexislación aplicable e verificable. A Comisión de cidades do arco atlántico comprométese a participar activamente neste debate e a estudiar e formular as súas propias conclusións nesta materia.

Esta comisión, na que se reúnen cidades de distintos estados que traballan desde o consenso e o acordo, segue apostando polo diálogo internacional e a solución de conflictos por vías pacíficas. Neste sentido, non pode aceptar ningún acto de agresión contrario ao dereito internacional a ás mínimas normas de convivencia entre os estados e nacións como o acontecido recentemente con ocasión da intervención militar a Iraq.

Aprobadas as conclusións de Cork

A Comisión de cidades portuarias do arco atlántico aprobou as conclusións acordadas na segunda reunión celebrada en Cork o 22 de novembro de 2002.

O primeiro acordo tomado foi redactar e suscribir a denominada "Declaración de Cork" motivada polo afundimento do "Prestige" fronte ás costas galegas. "Esta foi a primeira declaración conxunta dun organismo internacional en relación coa catástrofe cun perigo e consecuencias que aínda se padecen nas cidades atlánticas de Portugal, España e Francia", afirmou Xaquín de Acosta.

A declaración de Cork expresou a súa solidariedade cara todos os cidadáns afectados pola contaminación do petroleiro "Prestige" e destacou a necesidade de que as autoridades europeas procedan á creación dun fondo especial de compensación para a catástrofe e á implementación nos mellores prazos da Axencia europea de seguridade marítima. Esta axencia deberá contar cunha representación nas zonas máis sensibles da fachada atlántica e disporá de medios humanos, tecnolóxicos e materiais para a prevención e para reaccionar con rapidez ante calquera situación de crise. Instase tamén á implementación de mecanismos que lles permitan ás cidades portuarias participar activamente nas decisións e nos traballos desta axencia.

En relación cos traballos propios da Comisión, debateuse a conveniencia de presentar o proxecto denominado "Cityport" á seguinte convocatoria de Interreg III B, en base á proposta presentada pola cidade de Vigo.

Recolleuse a proposta de que o proxecto inicial, que contemplaba un período de execución de dous anos, tivese unha duración anual (2003) para presentar outro novo proxecto en 2004 cun artellamento no que se poida ter en conta a información conseguida nesta primeira fase de Cityport.

O Concello de Vigo anunciou que levaría adiante o proxecto e comprometeuse a presentalo na seguinte convocatoria se conseguía a adhesión doutras cidades asociadas para o que necesitaría alomenos dous países.
Descargar todas as imaxes