Escoitar

O Museo de Castrelos acolle, por primeira vez, un espectáculo teatral

O Museo de Castrelos vaise converter, desde o sábado, nun recinto máis da cidade aberto para a actividade dramática. Nesta primeira ocasión será da man do grupo Sísifo, e nas vindeiras semanas terán lugar representacións a cargo dos grupos Artello e Máscara Produccións.

venres, 21 mar 2003
Coa incorporación do Museo de Castrelos á programación de “Vigo a escena”, a concellería de Festas e Animación Sociocultural pretende ofrecer novos escenarios ós grupos vigueses ao tempo que trata de potenciar a actividade cultural que se leva a cabo no marco do pazo.

A concelleira, Isaura Abelairas, entende que tódolos esforzos que fagamos por encher de contido o Museo de Castrelos serán poucos, xa que non podemos esquecer que se trata do noso primeiro museo, e nel atopanse algunhas das obras artísticas máis importantes da historia da arte galega e tamén unha importante colección de pezas do noso pasado máis lonxano.

A actuación de Sísifo terá lugar ás 20,00 horas, e a obra que representará "¿Qué...?" está dirixida por Manuel Camba e interpretada polos actores Rafa Costas e César Aldea.

O grupo adéntranos nunha obra que xira en torno a unha serie de persoas en estado de certo desacougo que saen a escena para debuxar algunhas das cuestións que lles afectan como seres vivos que son. Falan diante dun psiquiatra-espectador sempre comprensivo e mesmo identificado para despois marchar por onde viñeron, iso si, tal vez co espírito algo máis tranquilo.

Artello en Bembrive

Tamén dentro do programa de Vigo a Escena, o sábado, ás 20,30 horas actuará na Sociedade Cultural e Deportiva "Helios" de Bembrive o grupo ARTELLO, co seu traballo "Amadís de Algures".

En "Amadís de Algures" (Unha de cabalerías) actúan como actores-manipuladores Rosa Hurtado e Santiago Montenegro, que se encargan tamén da posta en escena e da producción do espectáculo que tén ós monicreques como protagonistas indiscutibles.

Esta montaxe foi estreada en xullo do pasado ano, e o espectáculo está baseado no Amadís de Gaula. Artello relátanos a historio dun bebé que, no fragor da guerra que asola Algures, é depositado nunha arca para poñelo a salvo dunha morte segura. Tras dun longo periplo chega a un reino afastado, onde é acollido polo cabaleiro Gandales e a súa dona Leonora.

Dende neno a súa vitalidade provoca a admiración da xente do anquilosado país no que vive. Sendo mozo atopa no bosque á princesa Oriana, que está en situación de perigo. A partir dese momento a súa maior aspiración será ser nomeado cabaleiro. As súas fazañas, sempre en defensa dos máis febles, farán que a súa sona chegue ós lugares máis arredados, aínda que tamén serán fonte dalgún problema coa súa namorada.

"Vigo a escena" para o domingo

Os grupos AVENTO e FULANO, MENGANO E CITANO, actuarán o domingo dentro do programa "Vigo a escena", a partir das sete da tarde.

AVENTO ofrecerá a súa montaxe "¿Quén matou a Mari Lauri?" no Instituto Santa Irene nunha representación que conta coa colaboración da Asociación de Comerciantes y Empresarios das Travesas.

Benito A. Correa, Xoán Abreu, Carlos R.Roca, Juancho Ferrón e Marcos Alonso Costas son os intérpretes desta comedia que foi estreada no ano 1996, e que ten recibido numerosos premios, entre os que destacan o primeiro Premio á mellor dirección Reinosa 1997, o Premio ó Mellor actor de reparto Reinosa 1997, ou o primeiro Premio no festival de Teatro Afeccionado de Cabana no ano 1999.

A montaxe relátanos a historia dunha rapaza de dezaséis anos que aparece asasinada en estrañas circunstancias. A resolución do crime e a búsqueda do asasino convértese nun misterio. A Policía, dado a dificultade do caso e a falta de probas, pistas e testemuñas para esclarecelo, decide pechar a investigación. Catro señoras detectives con experiencia nula deciden entón levar adiante a investigación e, tirando do fío, dan co principal sospeitoso: un enxeñeiro xenético con perversas intencións.

FULANO, MENGANO E CITANO van actuar na Asociación de Veciños de Cabral, onde ofrecerán o traballo "Cheiro de Estrelas II", interpretado por Xosé Manuel Conde, Manuel Botana e Manuel Pombal.

Os espectadores poderán ver unha imaxinaria Televisión de Jalisia que vai emitir, como tódalas semanas, o programa "Cheiro de Estrelas". O público presente, invitado á gravación foi levado en "carro de bois", camiño de ferro, furgón DKW e similares. As autoridades en coches oficiais de cor negra e cristais afumados con chisqueiros.

Ó traverso de "Cheiro de Estrelas II” descóbrese que cada galego/a é unha estrela na súa casa. Isto fánnolo ver pernaxes como Chicho de Chantada, Melindre de Melide, Otilia, Hipólito Cerdeira e así ata dezanove, que van dando vida a un espectáculo que ten certo cheiro e que se fai na Televisión de Padrón Parriba.

A Televisión de Jalisia é un ente que non existe, que é unha trola e que é imposible que poida habela semellante. É, según o propio grupo, unha televisión de carallada.