Escoitar

O Concello impulsa a rehabilitación de dous barrios con 450 vivendas en Coia e Cabral

A Xerencia de Urbanismo deste venres, segundo informou Caballero, validou a declaración de Áreas de Rehabilitación Integral dun polígono en Coia de 360 vivendas e das 96 casas de Santa Clara (Cabral), e a súa incorporación ao Plan Estatal 2013-2016. O investimento estimado para a rehabilitación de ambos barrios supera os 17 millóns.

venres, 10 abr 2015
O goberno de Vigo impulsa a rehabilitación de dous barrios en Coia e Cabral cun investimento total superior aos 17 millóns, solicitando á Xunta de Galicia que declare como Área de Rehabilitación Integral un polígono de Coia de 360 vivendas e as 96 casas de Santa Clara.

O Concello tamén acordou a incorporación de ambas áreas ao Programa de Rexeración Urbana Plan Estatal 2013-2016, para que o Ministerio de Fomento achegue un 35% do total do financiamento previsto para a rehabilitación das vivendas, abonando o resto os propietarios e o Concello de Vigo sufrangando toda a rehabilitación exterior dos barrios.

A zona de Coia declarada Area de Rehabilitación Integral está delimitada polas rúas Moaña, Bueu, Vilagarcía e Camiño da Raposa, e comprende un total de 360 vivendas, construidas entre 1968 e 1973. O investimento total estimado supera os 12 millóns de euros e, nunha primeira fase orzamentada en 2,5 millóns, impulsaríase a renovación de 9 edificios, priorizando a instalacións de ascensores, ademais de mellorar o exterior dos mesmos.

No tocante á rehabilitación do barrio de Santa Clara, o proxecto municipal estima o investimento en 5,4 millóns de euros e afecta a 96 casas -vencelladas ao grupo de empresas Álvarez- construidas en 1944. A primeira fase, ao amparo do Plan Estatal, ten un importe previsto de 1,8 millóns para a rehabilitación inicial de 24 vivendas e a urbanización exterior.

Casco Vello e Bouzas
En segundo lugar, o goberno de Vigo acordou solicitar a participación tamén no Plan Estatal 2013-2016 dun total de 80 actuacións no Casco Vello e no barrio histórico de Bouzas, por importe total de 3,5 millóns de euros.

O Concello plantea incorporar ao programa estatal 20 rehabilitacións na zona histórica da vila de Bouzas por un valor de 1,1 millóns de euros e outras 60 reformas de inmobles no Casco Vello por importe de 2,4 millóns. A administración local solicita por tanto a sinatura dos pertinentes acordos coa Xunta e o Estado para o financiamento das rehabilitacións e das obras no medio urbano.