Escoitar

O goberno vigués adica 450.000 euros a apoiar a contratación de case 200 persoas

A Xunta de Goberno Local deu este venres luz verde ao proxecto de colaboración con PSA Peugeot Citroën, segundo o cal o Concello achega 300.000 euros para a contratación de 60 persoas. O alcalde informou tamén da adxudicación das axudas municipais á creación de empresas, por importe de 150.000 euros e 135 empregos creados.

venres, 21 nov 2014
No tocante ao programa de axudas municipais á creación de empresas, Abel Caballero indicou que foron 70 as achegas concedidas a un total de 86 proxectos emprendedores, cunha creación total de postos de traballo de 135. A maior parte das empresas beneficiarias deste plan municipal se dedican a actividades como a restauración, a hostelería e o comercio, ainda que tamén houbo apoios á compañías de sectores como a consultoría ou o tempo libre.

O alcalde de Vigo recordou que ambas propostas, validadas na Xunta de Goberno deste venres, forman parte do proxecto de emprego do Concello, que inclúe un Plan de Emprego Municipal que supera os 5 millóns de euros de orzamento e supón a creación de máis de 900 empregos, ademais do investimento público municipal que emprega a unhas 2.000 persoas, segundo apuntou Caballero.

Bancos
O goberno local, na súa reunión desta mañá, deu o visto bo á clasificación de ofertas (coñecido anteriormente como a adxudicación provisional) no procedemento aberto para a subministración de 470 bancos para a cidade, cun importe de gasto de 75.000 euros. Caballero expuxo que, tras uns 3.000 bancos xa instalados nos últimos anos, segue a haber demanda entre a cidadanía, que será atendida a través das distintas canles de comunicación co Concello.