Escoitar

Caballero anuncia medidas de seguridade nos gardarraís da cidade

O alcalde avanzou este venres que a próxima semana se reunirá con asociacións de motoristas para pasar revisión a todos os gardarraís da cidade que supoñen un risco para a integridade física dos motoristas en caso de caída. Caballero asegurou que "imos por salvagardarraís en todos os viais da cidade de competencia municipal" para que "Vigo quede libre de gardarraís asasinos".

venres, 21 nov 2014
O goberno local conta xa cun listado dos gardarraís sobre os que actuar, procedentes de sendos estudos elaborados por Tráfico e a Policía Local de Vigo. O alcalde pretende contrastar esta información cos responsables de distintas asociacións de motoristas para que "Vigo quede libre de gardarraís asasinos".

A intención do goberno de Vigo é instalar "salvagardarraís en todos os viais da cidade de competencia municipal" para dotar de seguridade aos motoristas. Caballero invitou ao resto de administracións públicas a impulsar unha medida similar nas estradas da súa competencia.

Esta medida, expuxo Caballero, forma parte das accións que ven desenvolvendo o goberno de Vigo para facer desta a "cidade das motos", medidas entre as que subliñou os espazos adiantados nos semáforos, a circulación polos carrís bus e o incremento de prazas de estacionamento para motos ao longo da cidade.