Escoitar

O Concello ultima unha "app" cidadá que ofrecerá información municipal detallada de cada rúa

O concelleiro de Fomento, David Regades, explicou este xoves que no primeiro semestre de 2015 estará dispoñible unha "app" móbil coa información de todos os servizos municipais, os trámites xa dispoñibles na web municipal, suxerencias e melloras e un plano interactivo da cidade onde poder coñecer información detallada de cada rúa.

xoves, 20 nov 2014
1416488885tablet.JPG
Este proxecto xa opera a nivel interno do Concello e posibilita unha mellor coordinación dentro e entre os distintos departamentos municipais. Nunha segunda fase, a implementar no segundo semestre do próximo ano, a "app" móbil estará á disposición da cidadanía.

Esta nova canle -realizada polos funcionarios municipais- opera cun servidor que centraliza e distribúe as informacións e comunicacións dos distintos servizos municipais e, posteriormente, cos cidadáns, para ter unha xestión máis "eficiente", en verbas de Regades. A aplicación presentará unha canle para avisos, axenda, novas e información práctica (servizos deportivos, de transporte, etcétera).

Servizos como tributos, cartografía, estatística, catastro, inventario municipal e o propio PXOM, entre moitas outras, estarán á disposición da cidadanía mediante esta aplicación cidadá. O Concello inclúe asemade un plano interactivo da cidade que se surtirá de toda a información dos distintos servizos municipais e posibilitará coñecer, por exemplo, o estado das canalizacións soterradas, datas das últimas obras realizadas nunha, a sinalización e mobiliario existentes nas mesmas, etc, información práctica para os funcionarios municipais tamén accesible a cidadáns e empresas. O goberno local inclúe polo tanto unha plataforma de datos aberta á cidadanía, coa finalidade de que se poida acceder á información, compartila e tamén aportar nova.

David Regades tamén avanzou que a próxima semana Vigo acollerá unha reunión de carácter técnico coa participación de empresas, universidades e institucións. O concelleiro salientou que a olívica é un "exemplo en cidade intelixente", recordou que a web municipal do Concello está posicionada entre as mellores de España por estudos independentes e subliñou que hoxe son máis os trámites realizados por vía telemática que presencial.
Descargar todas as imaxes