Escoitar

O Concello reclama á Xunta de Galicia e o Goberno de España apoio económico a Conxemar

A moción presentada polos socialistas no Pleno deste luns, aprobada por unanimidade, reclama da Xunta de Galicia e do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño "que aporten polo menos a mesma cantidade que o Concello de Vigo" a Conxemar. O goberno de Vigo achega 100.000 euros á primeira feira de conxelados do mundo, o dobre do aportado polos gobernos autonómico e estatal.

luns, 2 xuñ 2014
Conxemar está considerada como a primeira feira de conxelados do mundo, un evento que con máis de 25.000 visitas e un volume de negocio superior aos mil millóns de euros na súa edición do pasado ano.

O texto do acordo plenario explica que os apoios do Goberno de España e da Xunta de Galicia son "testimoniais, a metade" que os 100.000 euros aportados polo Concello de Vigo. Os tres grupos con representación municipal instaron ás administracións de Santiago e Madrid a achegar alomenos o mesmo que o goberno local.

Sanidade e vivenda
Os socialistas tamén sacaron adiante outras dúas mocións, unha na que se reclama ao SERGAS que non peche camas na área sanitaria viguesa para "manter a calidade asistencia e avanzar na redución das listas de espera", ademais da instarlle a que non peche o centro de saúde de Beiramar. Este acordo foi adoptado cos votos de socialistas e nacionalistas e a oposición do Partido Popular.

Os mesmos apoios recabou o último texto presentado polos socialistas ante o Pleno, no que se solicita da Xunta de Galicia a "inmediata reposición dun programa que contemple as necesidades de vivenda en réxime de aluguer dos colectivos máis necesitados que actualmente están desprotexidos".