Escoitar

A Corporación insta a Xunta e Deputación asegurar un trato igualitario aos tres aeroportos galegos

Os votos de PSOE e BNG deron luz verde a unha proposta socialista que solicita que o aeroporto de Vigo compita e se desenvolva nas mesmas condicións que o resto de infraestruturas aeroportuarias de Galicia. Esta foi unha as propostas aprobadas hoxe ao longo do pleno extraordinario convocado para falar da situación de Peinador.

luns, 1 xul 2013
O Partido Socialista sacou adiante unha proposta sobre potenciación de vóos no aeroporto de Vigo na que aboga porque Concello, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galician garantan e aseguren un trato igualitario para a terminal viguesa que lle permita competir nas mesmas condicións que as outras infraestruturas aeroportuarias de Galicia e do Norte de Portugal. A proposta, defendida pola tenente de alcalde, Carmela Silva, insta a Xunta a adicar recursos económicos a compañías aéreas dirixidas á implatación e mantemento de rutas no aeroporto de Vigo, cando menos, na mesma forma e cantidade económica que a achegada a outras terminais galegas. Por último, o texto aprobado solicita á Deputación que contribúa con recursos económicos á mellora da competitividade de Peinador, infrestrutura chave no desenvolvemento económico da provincia.

Outra das propostas aprobadas durante o pleno extraordinario, neste caso realizada polo Partido Popular e defendida polo voceiro, José Manuel Figueroa, insta ao rexedor a presentar a súa proposta de rutas para o aeroporto. Esta iniciativa recibiu o apio do BNG e a abstención do grupo socialista.

Por último, tamén se aprobou, neste caso por unanimidade, unha enmenda de engádega do BNG á moción do PP na que se aboga porque a Xunta de Galicia retorne a unha posición de consenso e retome a coordinación de todas as administracións no seo do Comité de Rutas cara a planificar o mapa de rutas aéreas para os vindeiros anos. Concretamente, Iolanda Veloso referiuse á aprobación dun mapa de rutas para o 2013 e á previsión dun mapa de rutas para 2014.