Escoitar

O Pleno reclama do Estado o mantemento das liñas de ferrocarril e unha mellora de servizos e frecuencias

A Corporación Municipal de Vigo acordou hoxe luns, a proposta do BNG e co apoio do PSdeG, solicitar do goberno de España "que desista do proceso de desmantelamento e privatización" do sistema ferroviario e o mantemento das liñas existentes, que no caso vigués afecta ás conexións de media distancia con Ourense.

luns, 1 xul 2013
Os votos socialistas e nacionalistas serviron este luns para aprobar a moción que reclama do goberno central o mantemento das liñas e unha mellora dos servizos e das frecuencias.

O texto acordado, pese aos votos en contra do PP de Vigo, esixe do Estado "que desista do proceso de desmantelamento e privatización" do sistema ferroviario galego e manteña por tanto as liñas existentes, que afecta a Vigo na súa conexión coa cidade das burgas. O Concello tamén solicita unha mellora no servizo e nas frecuencias.

A moción demanda a transferencia a Galicia das competencias e financiamento en materia de ferrocarril interior "co obxectivo de crear unha compañía ferroviaria galega que mellore a prestación deste servizo no noso país e permita acometer as infraestruturas e desenvolver os servizos de transporte ferroviario na Galiza que contribúan á vertebración económica, social e territorial do país".

O último punto que figura no acordo plenario pide ao Estado o "mantemento e desenvolvemento dos talleres e actividades auxiliares existentes na Galiza, así como a creación de módulos de Formación Profesional vinculados á actividade ferroviaria".