Escoitar

Urbanismo autoriza iniciar un ámbito en Samil con 200 vivendas, o 67% de protección

O alcalde informou este luns da autorización concedida por Urbanismo para iniciar os trámites para o desenvolvemento dun ámbito urbanístico en Samil, de iniciativa privada e cunha previsión de construir 200 vivendas, o 67% protexidas.

venres, 22 feb 2013
Abel Caballero explicou que o desenvolvemento proposto inclúe 157 prazas de estacionamento en segunda liña de praia en Samil, por detrás da Avenida de Samil, nunha superficie total superior aos 33.000 metros cadrados.

A Xerencia de Urbanismo celebrada este venres deu conta da incoación deste procedemento, de iniciativa privada, para a tramitación e aprobación do planeamento de desenvolvemento do ámbito. Os propietarios reservarán 5.636 metros cadrados para zonas verdes e outros 3.131 máis para equipamentos.

"Ámbito moi importante da cidade, que se fai desde o privado", informou Abel Caballero, quen subliñou o 67% da reserva da vivenda a construir para pisos de protección: "queremos facer da vivenda de promoción a gran bandeira desta cidade", e recordou os alugueres de vivendas protexidas dispostos polo Concello de Vigo en Navia.

Outros acordos
No consello desta semana, Urbanismo validou a concesión dunha axuda por 11.600 euros para a rehabilitación dunha vivenda no Casco Vello, na rúa San Bernardo. Por outra banda, o departamento que dirixe Carmela Silva deu 24 licenzas de obra e 7 de actividade para un investimento total de 851.000 euros, permisos entre os que Caballero subliñou os concedidos para a instalación de tres ascensores noutros tantos edificios de Coia.