Escoitar

O pavillón de Bouzas encherase coa festa do kárate infantil, "dunha vistosidade pouco común", di o alcalde

A festa do kárate infantil volve este sábado ao pavillón de Bouzas (17:00 horas), que rexistrará un cheo absoluto como o ano pasado, con máis de 1.200 espectadores e a organización da A.D. Zanshin.

venres, 4 mai 2012
1336143450karate.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, animou a que a cidadanía siga esta concentración de 350 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 5 e os 17 anos "porque é dunha vistosidade pouco común". Caballero, acompañado polo presidente da Agrupación Deportiva Zanshin, Fernando Álvarez, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, coñeceu de primeira man as diferenzas entre o karateg, a vestimenta dos karatecas, e o dobok (taekwondo).

Esta festa, que cumpre a súa edición número 25, comezou en 1987 e conta cuns 50 voluntarios, implica como participantes aos colexios Compañía de María, Mariano, A Doblada e San Salvador de Teis, ás escolas deportivas municipais que xestiona o Club Kárate Traviesas, e aos clubs Okinawa e Shotokan, ademais do propio Traviesas e ao Zanshin. Este é o terceiro ano que se disputa en Bouzas, despois de facerse este evento tradicionalmente nas Travesas primeiro e Coia despois.

Os mozos deportistas realizarán exhibicións de defensa persoal segundo idade (prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil). O Shotokan adoita ser o gran dominador deste encontro do kárate local, no que tamén hai lugar para exhibicións de karatecas veteranos e para demostracións de tai-chi pero, sobre todo, Álvarez destacou "o contentos que se pon os nenos e nenas cando se colgan as súas medallas".
Descargar todas as imaxes