O alcalde subliña a "magnífica atención" do Goberno de España a "temas claves" de Vigo

Abel Caballero recibiu este mércores ao subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, na primeira visita institucional ao Concello desde o seu nomeamento. Ambos salientaron a "atención" do executivo central a cuestións importantes para Vigo como a nova estación do AVE, o aeroporto ou a depuradora.

mércores, 25 abr 2012
1335356453coello.jpg
O alcalde de Vigo amosou a súa "satisfacción" pola visita dun "home bo coñecedor desta casa e desta cidade" -Antonio Coello traballou no Concello durante oito anos-, tras o que enfatizou a "magnifica coordinación" entre as policías Local e Nacional e a "atención" do Goberno de España, como a futura estación do AVE de Urzáiz, o novo aeroporto ou a depuradora.

Abel Caballero tamén destacou a inclusión dunha partida económica para a Biblioteca do Estado de Vigo nos orzamentos xerais deste ano, unha infraestrutura para a que o goberno local ten que ofrecer un emprazamento. O alcalde de Vigo ofreceu "man tendida" ao novo subdelegado de cara á colaboración das institucións.

Pola súa banda, Antonio Coello coincidiu co socialista en afirmar que o executivo central "va por moi bo camiño" no tocante ás obras clave para a cidade, tanto para as detalladas por Caballero como para a futura Tesourería da Seguridade Social, a ubicar na antiga sede da Metalúrxica en García Barbón, un proxecto de 25 millóns de euros que sairá a licitación en 2012 e iniciará a súa construción en 2013.

O subdelegado provincial apuntou que na primeira quincena de maio reunirase a Xunta Local de Seguridade -coa participación das forzas de seguridade locais e estatais- no que poderán ofrecerse "cifras concretas" da actividade policial na cidade, mais Coello revelou a "magnífica cooperación, colaboración e coordinación" entre as partes.
Descargar todas as imaxes