O Concello ofrecerá información e asesoramento legal aos afectados polas preferentes

O alcalde anunciou este xoves que a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) prestará asistencia aos afectados polas chamadas preferentes de todas as entidades financeiras que operan en Galicia, produtos que causaron un "drama social". Abel Caballero adiantou que contactará cos grupos políticos municipais para consensuar unha moción plenaria de apoio aos usuarios.

xoves, 15 mar 2012
1331815988preferentes.JPG
Tras unha reunión mantida onte coa Plataforma de Afectados polas Participacións Preferentes, Abel Caballero avanzou que o Concello prestará atención e apoio ás vítimas de todas as entidades financeiras que operan en Galicia.

Caballero puxo a disposición dos usuarios a OMIC para obter información e incluso asesoramento legal ante eventuais accións. O primeiro edil xa tratara esta cuestión co presidente de NovaGalicia Banco, José María Castellano, quen afirmou estar envorcado na resolución desta cuestión.

O alcalde asegurou que contactará cos tres grupos políticos con representación municipal para consensuar e aprobar unha moción de apoio aos afectados, instando ao Banco de España e á Comisión Nacional do Mercado de Valores a que dicte as resolucións oportunas para resolver este problema e ás institucións financeiras para que tomen as decisións que conduzan a dar solución, ademáis de que o Pleno do Concello explicite o seu respaldo.

Abel Caballero ve un "gran consenso social" na adopción das medidas precisas para arranxar esta cuestión, e reiterou que a Oficina Municipal de Información ao Consumidor -sita no segundo andar do Concello- asesorará a quen o desexe.
Descargar todas as imaxes