Escoitar

Vigo desenvolverá un plano de aforro enerxético unha vez analizada a iluminación de toda a cidade

O Concello de Vigo traballa xa sobre un plan de aforro enerxético para conseguir unha iluminación "con garantías en termos de seguridade e eficiencia de aforro". Así o indicou esta mañá o rexedor, durante a presentación do Mapa Lumínico de Vigo, unha ferramenta "científica" que analiza a iluminación de todas as parroquias e rúas de Vigo.

martes, 21 feb 2012
1329833016mapa.JPG
O Concello de Vigo conta cunha ferramenta que permite saber que uso enerxético caracteriza á iluminación da cidade. Un estudo elaborado pola Concellería de Fomento trazou un mapa que, tras 80.000 medicións, permite saber como están iluminadas todas e cada unha das parroquias e as rúas de Vigo. Segundo explicou o rexedor na presentación desta aplicación, as conclusións deste traballo permitirán afondar no plano de aforro enerxético que xa ven desenvolvendo "con discreción" o Concello.

Acompañado polo concelleiro de Fomento, David Regades, o rexedor aproveitou a rolda de prensa para felicitar á empresa responsable do proxecto posto que será a base "para conseguir unha iluminación "con garantías en termos de seguridade e eficiencia de aforro". Neste senso, referiuse a que se sabe onde están as zonas sobreiluminadas, os tráficos, os puntos de luz por habitante, etc.. de todas e cada unha das rúas de Vigo. Lembrou a necesidade de aforrar por razóns de eficiencia orzamentaria e medioambiental. Neste senso, avanzou que "tentamos usar medios eficientes: desde aeroxeradores ata outros sistemas urbanos que nos permitan xerar enerxía".

Durante a presentación da aplicación, Caballero destacou a modo de exemplo que Vigo ten o 35 por cento de canalizacións e "seguramente" de vías urbanas que Madrid, cunha poboación de 300.000 habitantes fronte aos 3 millóns e medio que ten a capital de España. Este dato, engadiu, quere dicir que "as medidas de aforro para nós son moi importantes, porque temos estruturas de iluminación de cidades dun millón e medio de habitantes". Matizou que esta mesma proporción se rexistra no abastecemento, o saneamento ou o mantemento das vías urbanas.

Descargar todas as imaxes