Escoitar

O rexedor anuncia que en seis meses rematarán as obras de Severio Cobas, un "vial estratéxico na cidade"

As obras de Severino Cobas estarán rematadas en seis meses, o que permitirá unir a Avenida de Madrid coa Doblada e con zonas de Lavadores e Cabral, segundo explicou esta mañá o alcalde. Este "vial estratéxico" conta cun orzamento de execución de 3,5 millóns de euros, máis outros 3 de expropiacións.

xoves, 22 dec 2011
1324559894sevcobas.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitou esta mañá as obras de Severino Cobas, un "vial estratéxico na cidade" que conta cun orzamento de execución de 3,5 millóns de euros, aos que hai que sumar outros 3 de expropiacións. Esta obra, "capital para Vigo", ten máis dun kilómetro de lonxitude e deixará unha calzada de máis de 7 metros , con dobre circulación, na que se eliminaron curvas e estreitamentos. Segundo relatou o rexedor, a rúa contará con todos os elementos distintivos dunha cidade sostible, como son árbores, luces ou bancos. Outra das características técnicas da obra, tal e como xa se fixo noutras zonas da cidade , é a instalación de tubos de pluviais, separado de fecais, "co que se libera a depuradora dunha carga de pluviais moi importante".

O alcalde explicou que este vial permitirá unir a Avenida de Madrid coa zona da Doblada, de Lavadores e de Cabral, polo que se está a facer unha desviación de tráfico a zonas menos saturadas. "Estamos diante dunha obra estrutural que vai ser recordada en 50 anos", subliñou ao tempo que recordou que o período de execución, "que vai a bo ritmo" é de seis meses". Para rematar, lembrou que onte a Xunta de Goberno local aprobou o acopio de materiais para esta obra por un valor superior a un millón de euros.

Descargar todas as imaxes