Escoitar

O alcalde ofrece "cooperación" ao goberno de Rajoy para "continuar" cos proxectos en marcha para Vigo

"Téndolle a man ao novo goberno de España para que continúe e invista nesta cidade", asegurou Caballero, quen apuntou que Vigo reclama do novo executivo que "siga facendo o mesmo e á mesma velocidade" que o anterior, en particular en materia de infraestruturas. O alcalde vigués reclamou ao Goberno de España que introduza Pesca ou Mar na denominación do novo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente.

xoves, 22 dec 2011
1324558942alcalde2.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, solicitou ao novo Goberno de España que, no tocante aos proxectos da cidade, "siga facendo o mesmo e á mesma velocidade" que o anterior, para o que ofertou a "cooperación" do Concello vigués.

Caballero referíuse principalmente ás infraestruturas de Vigo, como a estación do AVE de Urzáiz, a conexión desta cos túneles ferroviarios de acceso case concluídos, as autovías a Porriño e Pontevedra, a ampliación aprobada da ponte de Rande, a nova terminal de Peinador e pediu que licite os proxectos básicos da conexión directa de Alta Velocidade entre Vigo e Ourense por Cerdedo, o que segundo indicou o alcalde podería facer en marzo ou abril. O rexedor solicitou tamén dar continuidade á nova depuradora de Vigo, ao novo edificio da Seguridade Social e ao compromiso de construir unha Biblioteca do Estado na cidade.

O novo executivo central "terá toda a nosa cooperación" de continuar cos proxectos en marcha para Vigo, asegurou Abel Caballero. "Téndolle a man ao novo goberno de España para que continúe e invista nesta cidade", pois Vigo está "nun momento moi importante" no avance das súas infraestruturas.

Singularmente, o primeiro edil ofreceu "cooperación" á nova ministra de Fomento, Ana Pastor, pontevedresa, que "sabe de todas as obras en marcha e da súa importancia" en e para Vigo. Adiantou que remitirá unha carta á ministra co listado de proxectos e ofrecendo colaboración para "no mesmo tono" que con anterior titular de Fomento, José Blanco.

Pesca
O alcalde de Vigo reclamou ao novo presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, que cambie -"de forma inmediata" e pola vía de correción de erros"- a denominación do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente para incluir a Pesca ou Mar.

Así demándase desde Vigo e Galicia, afirmou, xa que trátase dun "sector tan importante e estratéxicamente tan notable" neste este territorio que non pode quedar sen presencia nas carteiras ministeriais. De feiro, "sería a primeira vez que non aparece" Pesca, Mar ou similares nun Ministerio.
Descargar todas as imaxes