Escoitar

O alcalde felicita a Miriam Pérez e Laura Domínguez polas súas medallas na Copa de Europa de patinaxe artística, peche dunha gran tempada

Miriam Pérez, de 13 anos, e Laura Domínguez, de 16, patinadoras do Club Patinaje Valladares, foron recibidas hoxe polo alcalde da cidade, Abel Caballero, e o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, que as felicitaron pola súa magnífica traxectoria nesta tempada que agora remata.

mércores, 23 nov 2011
1322073199patinaje.jpg
Durante uns quince minutos, o rexedor municipal interesouse vivamente polos resultados acadados a nivel nacional e internacional polas dúas patinadoras viguesas que este mes representaron a España na Copa de Europa de patinaxe artística e danza en Gujan-Mestras (Aquitania, Francia), onde competiron patinadores e patinadoras de todas as idades. O evento, organizado polo club UAGM, reuniu a 170 patinadores de dez países. En categoría infantil, Miriam Pérez, prata, tivo 17 rivais máis de sete países; en xuvenil, Laura Domínguez foi bronce entre trece participantes de sete países.

"Foi unha tempada moi boa", explicaron tanto Miriam como Laura ao alcalde e ao concelleiro. Miriam chegou ao torneo europeo grazas ao seu subcampionato de España infantil en Santiago e no polideportivo galo só foi superada pola eslovena Jessica Marka; Laura foi sexta no Nacional e só dúas rivais italianas (Asia Massai e Alice Rodighiero) puideron con ela en Francia. David Figueroa e Ana Santomé son os adestradores destas excelentes patinadoras locais.

O alcalde tamén se interesou polas necesidades do club de Valladares (agora iníciase un tempo de adestramentos pero a competición oficial non volve ata xaneiro) e entregou xunto co edil de Deportes un pequeno obsequio institucional ás dúas brillantes deportistas viguesas, bolseiras pola Fundación VIDE en 2011 e 2006, respectivamente.

España conqueriu cinco metais na Copa de Europa, dos que dous foron vigueses.

Descargar todas as imaxes