Escoitar

Caballero eloxia a "idea magnífica" do grupo Imán de convocar un certame de relatos cortos sobre o VIH

O alcalde e os responsables do grupo Imán presentaron hoxe os IX Premios de Relato Curto, cuxa temática será o sida. Os relatos poderán ser presentados ata o 9 de xaneiro de 2012 e os premios oscilarán entre os 700 euros do primeiro aos 100 euros dos tres accésits concedidos. Abel Caballero asegurou o apoio municipal a iniciativas que abonden no "desterro definitivo" desta enfermidade.

mércores, 23 nov 2011
1322053906relatos.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este mércores con Antón Bouzas, o responsable do grupo Imán, os IX Premios de Relato Curto, que versarán sobre o sida.

Caballero garantiu o "apoio" do Concello a laboura do colectivo e indicou que "estamos ao seu lado" en todas aquelas iniciativas que procuren o "desterro definitivo" do VIH. Bouzas, pola súa banda, avogou por "unir a loita contra o sida co arte".

Os maiores de 14 anos interesados en participar poden presentar os seus textos antes do 9 de xaneiro, cunha extensión mínima de tres folios a unha cara e máxima de seis. Os relatos deben incluir ao personaxe de Imanciña, creada polo colectivo.

O xurado está composto por coñecidos escritores e editores da cidade, ademáis de polos propios responsables de Imán. A entrega de premios, aínda por pechar o día, terá lugar na segunda semana do mes de febreiro.

Segundo explicaron, o primeiro premio será dotado con 700 euros, o segundo con 500 e o terceiro con 300 euros, sufragados pola Autoridade Portuaria, todos eles acompañados cun agasallo de cerámica. A organización entregará tres accésits de cen euros.
Descargar todas as imaxes