Escoitar
Os participantes visitarán as Covas do Rei Centolo, O Foxo do Lobo na Serra do Suído e a Ruta completa da Auga, entre outras

Chus Lago presenta a edición máis innovadora do Camiño a Camiño

O vindeiro 27 de febreiro, a Concellería de Medio Ambiente que dirixe Chus Lago inicia a séptima edición do Camiño a Camiño, programa de educación ambiental que se consolida ao cuarto ano da súa posta en marcha. Un total de 19 actividades de educación ambiental, das que 13 son de nova incorporación, compoñen esta nova edición do programa con maior éxito de participación da Concellería, que ofrece prazas para máis de 4.000 persoas. Desta volta, Medio Ambiente planifica saídas específicas para nenos e nenas, en colaboración con VigoZoo, ademais de retomar as exitosas rutas nocturnas ou as visitas ás Illas Cíes, entre outras.

venres, 18 feb 2011
1298036853chus.jpg
Novidades para toda a familia:

-Ruta completa da Auga: en anteriores edicións os participantes poideron percorrer o tramo inicial da senda da auga, en combinación coa ruta ao Monte Vixiador, pero por primeira vez a Concellería inclúe no seu programa a ruta completa dende as instalacións de Aqualia na rúa Cantabria ata o encoro de Eiras. Máis de 40 km configuran esta ruta que nace no Concello de Vigo e atravesa os de de Redondela, Pazos de Borbén e Soutomaior, para finalizar no propio encoro en Fornelos de Montes.

-Ruta dunha xornada completa polo Morrazo: nesta actividade os participantes coñecerán a zona costeira do Concello de Cangas do Morrazo, e poderán obter tamén unha visión diferente do municipio de Vigo dende o outro lado da ría. Esta senda de aproximadamente 20 km (ida e volta) atravesa algunhas das praias máis significativas do Morrazo: Areamilla, Santa Marta, Liméns e Nerga, permitindo coñecer a riqueza biolóxica desta zona intermareal. A visita inclúe a viaxe en barco de ida e volta e dado que ocupará practicamente toda a xornada, é preciso incluir unha parada para xantar na zona establecida pola organización.

-Ruta ao Foxo do Lobo na Serra do Suído: a senda versa sobre a conservación e perigo de extinción do lobo gris na península ibérica. Esta actividade de educación ambiental, conxunta entre Vigozoo e o departamento de Medio Ambiente, aportará aos participantes unha visión diferente do lobo, informando sobre a estimación de manadas actuais ou dos diferentes grados de protección nas Comunidades Autónomas (en Galicia aínda está permitida a súa caza). Para os máis pequenos, o departamento de educación de Vigozoo ten preparados os contos de "Carapuchiña vermella" e os "tres porquiños" contados dende a visión do outro protagonista do conto: o lobo.

-Visita á Cova do Rei Centolo: a Concellería introduce por primeira vez unha actividade que permitirá aos visitantes coñecer a importancia da cova máis grande de Galicia (con máis de 7500 m de lonxitude), cunha riqueza xeolóxica e biolóxica moi importante, ademáis das propias lendas que enriquecen a visita. Nesta ocasión de novo traballarán conxuntamente os departamentos de Educación de Vigozoo e o de Medio Ambiente da Concellería, pois a recente apertura do Nocturama nestas instalacións é unha oportunidade magnífica para coñecer o hábitat natural dalgúns dos habitantes destas covas, como son os morcegos.

-Visitas ás Illas Cíes: en colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, os participantes poderán visitar de novo as Illas, sendo unha das actividades máis demandadas polos vigueses. Nesta ocasión a Concellería inclúe unha novidade destacable, pois ademáis de facer as rutas "clásicas" polo interior da Illa, levarase a cabo outra ruta marítima interpretativa con Kaiaks, que sen dúbida aportará a todos unha visión do Parque totalmente diferente á que tiñan ata agora.


Novidades para nenos:

-"Pequeruta" polo río Lagares: dentro da oferta de actividades que a Concellería ten organizada para os máis pequenos, atópase esta ruta adaptada para os nenos, onde poderán percorrer unha senda moi doada para eles, á vez que aprenden dun xeito lúdico sobre os ecosistemas dos humedáis, a marisma, o río e a foz da desembocadura.

-Actividade de repoboación forestal: o pasado 2 de febreiro a ONU declarou ao 2011 como Ano Internacional dos Bosques, destacando que representan o 30% do territorio e acollen ao 80% da biodiversidade do planeta. Por estes motivos a Concellería inclúe esta actividade de educación ambiental enfocada para os nenos, onde coñecerán a importancia do mantemento destes ecosistemas, e ademáis terán a oportunidade de participar nun programa de repoboación dentro do municipio.

-"Multitarea na praia de O Vao": este ambicioso programa abordará varios obxectivos relacionados coa información sobre o ecosistema costeiro. Os rapaces poderán facer unha ruta marítima en Kaiak e Vela Lixeira, medios de desprazamento non contaminantes para o noso entorno; ademáis participarán en varios obradoiros de educación ambiental con motivo de coñecer a biodiversidade na zona intermareal e mariña; por último todos os rapaces observarán directamente varias especies naturais da ría de Vigo, "apadroando" e "amadriñando" especies e participando na súa liberación final na praia.

Outras actividades:

-Rutas nocturnas: nesta ocasión inclúense no programa as rutas nocturnas do río Lagares e da Lagoa Mol-Madroa, ambas con importantes contidos astronómicos sobre o ceo, constelacións e estrelas observables dende o municipio.

-Ruta ao Monte Aloia: xunto co sendeiro polo Morrazo, conforman a oferta de xornadas completas neste programa, contemplando una parada en ruta para a comida, ademáis de algo de tempo para o esparcimento e descanso. A senda partirá dende o municipio de Vigo no Polígono da Pasaxe e finalizará no cumio do monte Aloia, atravesando a Serra do Galiñeiro, emblema paisaxístico e natural que destaca no perfil do Concello.
Equipo técnico:
Como sempre, os vigueses contarán coa supervisión e control dun equipo técnico formado por profesionais con moita experiencia no programa: técnicos do departamento de Medio Ambiente, guías do Parque Nacional, biólogos/as, ocenógrafos"as, socorristas, voluntarios de Protección Civil, chóferes de VITRASA, fotógrafos, tripulacións dos barcos de pasaxe, e persoal de avituallamento.
Todos os participantes que desexen asistir ás actividades deberán formalizar a inscripción telefónicamente no servizo de atención ao cidadán 010, dende o luns anterior a cada xornada. Dadas os diferentes tipos de rutas e xornadas, os interesados poderán informarse sobre os horarios de saída e chegada, ademáis dos requisitos para cada actividade na páxina web do Concello de Vigo, no apartado de CAMIÑO A CAMIÑO, ou a través do Servicio de Atención Telefónica ao Cidadán: 010