Escoitar

Un centro de persoas participan en Vigo na xornada sobre o novo Plan de Actividade Física e Deporte

Ao redor dun cento de participantes asistiron na mañá de hoxe no Centro Social Novacaixagalicia á inauguración da xornada técnica Deporte e Municipio da FEMP sobre o novo Plan de Actividade Física e Deporte que por vez primeira presentouse a debate no sector. No acto o alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou que esta "é unha cidade moi envorcada co deporte, que é un dos piares centrais de Vigo" e o tenente de alcalde, Santi Domínguez, animou a relatores e asistentes "a reflexionar e profundar sobre o deporte" e fixo votos para que "Vigo continúe sendo un referente como cidade de deporte".

venres, 28 xan 2011
1296223846Xornadas.JPG
Albert Soler, director xeral de Deportes do CSD, confirmou este feito lembrando que "non é casualidade que Vigo sexa Premio Nacional de Deporte senón todo o contrario, xa que se debe á súa gran tradición para organizar eventos", e cualificou á cidade como "pioneira no que ten que ver coa promoción do deporte". Os relatorios matinais trasladaron aos asistentes a necesidade de unificar criterios e, sobre todo, aseguraron que este Plan A+D "é un camiño, non a solución", dito polo propio Soler, para que a sociedade practique máis deporte saudable.

O director xeral do CSD mostrou a preocupación do seu departamento pola "epidemia de sobrepeso infantil detectada en España" (26,3% de nenos e novos) e asegurou que este documento, con 100 medidas en quince programas, "pode adaptarse a comunidades autónomas e municipios". Enrique Lizalde, coordinador de proxectos da Subdirección Xeral de Deporte e Saúde, considerou que este plan pode axudar a longo prazo non só a actuar contra o sobrepeso (un 38,5 dos españois preséntano) senón "a rebaixar custos sanitarios cunha poboación máis saudable", e defendeu a produtividade laboral cunha mellor cultura da práctica saudable. Para el, "o punto de partida é o sistema sanitario" e este plan chegará en breve ao Consello Interterritorial de Sanidade.

Tomás Vallés, xefe de servizo do deporte escolar, afirmou que o deporte escolar "é básico", que detectaron como "franxa sensible" á hora de perder moz@s practicantes de deporte "o paso de primaria a secundaria" e avogou por conseguir "no 2016" que alumnos e alumnas fagan deporte polo menos 5 horas á semana (7 en 2020). Para Vallés, a figura do profesor de Educación Física é "fundamental" como coordinador de todo, e tamén considerou que "as entidades deportivas deben profesionalizarse e recoller non só ao deporte federado, senón tamén ao deporte non federado e ata ao escolar".

A Deputación de Barcelona, a través de Jordi Cavero, xerente do Servizo de Deportes, explicou o seu programa de camiñadas para a terceira idade, que propón paseos de 3-4 horas por paraxes naturais e ao que xa están anotados case 3.000 maiores, e o seu desexo de que o Parlamento Europeo aprobe un Día do Deporte Europeo.

Na segunda parte do programa matinal, o arquitecto Santiago González, da firma NAOS, amosou unha nova idea de construción multiusos modular, que permite a entrega de novos polideportivos en menos tempo " e chave na mán", con menor custo e respectuosa co medio ambiente. Ademais, Marta Carranza, subdirectora xeral de Promoción Deportiva e Deporte Paralímpico, Mercés Llano e María Blasco, explicaron as preocupacións do Plan respecto ao deporte universitario (creceu un 15% o número de matriculacións pero se perden practicantes) e ao deporte discapacitado. O CSD encargou un estudo da realidade do deporte nas 77 universidades do Estado e, ademais, marcouse como obxectivo de futuro "que o discapacitado poida incorporarse ás federacións deportivas tradicionais".

Rematou a primeira parte da xornada Enrique Lizalde, presentando o programa de deporte dentro do marco laboral, e acoutando que aínda que as prioridades do mercado son agora outras pola crise, o documento é necesario para unha visión de futuro.
Descargar todas as imaxes