luns, 24 xaneiro 2011

Santi Domínguez visita as obras de recuperación do contorno da vila romana de Toralla e confirma o centro de interpretación

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, visitaron este luns os traballos de mellora do contorno do xacemento arqueolóxico de Toralla. O nacionalista asegurou que este traballo terá continuidade coa próxima sinatura do convenio de colaboración co Ministerio de Cultura para a construción do centro de interpretación de visitantes. Segundo explicou, o conxunto das actuación suporá un investimento total de 1,2 millóns de euros.

O Pleno debatirá pedir á Xunta de Galicia que distribúa por poboación e número de parados os fondos para emprego nos municipios

luns, 24 xan 2011

O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, o socialista Santos Héctor, presentou este luns unha moción, que será debatida no Pleno municipal da próxima semana, que solicita a retirada da orde autonómica que regula os fondos de cooperación para 2011 e que o reparto atenda a criterios de poboación e número de parados por municipio. Segundo denunciou o edil, un municipio de 20.000 habitantes podería recibir incluso máis cartos para contratación que a cidade de Vigo.

Comeza un programa gratuíto de medicións antropométricas en Asociacións de Veciños para previr cardiopatías

luns, 24 xan 2011

A concelleira de Sanidade, Chus Lago, presentou neste luns a posta en marcha dunha iniciativa que nace coa intención de detectar posibles cardiopatías na poboación de maior idade. Polo de agora estase xa a desenvolver na Asociación de Veciños de Coruxo, na que se realizarán 50 medicións antropométricas grazas á unidade móbil do Plan Saúde.

Xesus López presenta o programa do Verbum ata marzo e anuncia a entrada gratuíta para os empadroados en Vigo

luns, 24 xan 2011

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este luns a programación do museo Verbum para o primeiro trimestre de 2011 e anunciou que as persoas que acrediten estar empadroadas en Vigo así como os escolares de colexios da cidade que realicen visitas en grupo poderán acceder gratuitamente. O concelleiro nacionalista, ademais, fixo balance das visitas que recibiu o museo e salientou que no ano 2010 produciuse un incremento do 14,7% respecto ao 2009.

Xabier Alonso anuncia que as bolsas VIDE manterán a discriminación positiva para as mulleres deportistas

luns, 24 xan 2011

O concelleiro de Deportes e presidente da Fundación Vigo en Deporte, Xabier Alonso, presentou hoxe a novena convocatoria das bolsas VIDE para deportistas individuais, que estará aberta do 1 ao 28 de febreiro. O nacionalista destacou que "cada ano son máis os e as deportistas que solicitan esta axuda, para atender ás súas necesidades de adestramentos. Na Concellería de Deportes subimos cada ano as axudas aos clubs, pero non hai unha partida específica para deportistas de modalidades individuais, o que VIDE cobre co seu apoio".

O alcalde asistiu aos actos de conmemoración do 40 aniversario do Centro Veciñal de Valladares

luns, 24 xan 2011

Abel Caballero acudiu á ofrenda floral aos expresidentes do Centro Cultural e Veciñal de Valladares así como á presentación da primeira directiva do Centro. Os actos de conmemoración do sábado 22 de xaneiro remataron cun concerto da Unión Musical de Valladares e a Coral do CVCV (Centro Veciñal e Cultural de Valladares). A iniciativa estivo organizada pola directiva actual cun balance moi positivo destes 40 anos de existencia.