Escoitar

Xesus López presenta o programa do Verbum ata marzo e anuncia a entrada gratuíta para os empadroados en Vigo

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este luns a programación do museo Verbum para o primeiro trimestre de 2011 e anunciou que as persoas que acrediten estar empadroadas en Vigo así como os escolares de colexios da cidade que realicen visitas en grupo poderán acceder gratuitamente. O concelleiro nacionalista, ademais, fixo balance das visitas que recibiu o museo e salientou que no ano 2010 produciuse un incremento do 14,7% respecto ao 2009.

luns, 24 xan 2011
1295877288Verbum.JPG
Xesus López explicou que no ano recentemente pechado, o número total de visitantes ascendeu a 42.905, fronte ás 36.560 persoas de 2009. "Esta progresiva ascensión de visitantes é grazas ao traballo realizado polo seu director, Rosendo Covelo", a quen o concelleiro de Cultura trasladou os seus parabéns. Respecto á entrada gratuíta para as persoas empadroadas en Vigo afirmou que é unha "medida necesaria que por fin este ano podemos poñer en marcha".

No tocante á programación para os tres primeiros meses de 2011, Xesus López explicou que inclúe actividades centradas no libro e enfocadas dende unha posición ampla e interdisciplinar, polo que inclúe propostas relacionadas coa literatura, a imaxe, a música e o patrimonio inmaterial. "É un programa pensado para todos os públicos, que fai especial fincapé en quen se atopa no proceso formativo", salientou.

O director do Verbum deu conta dos diferentes piares nos que se sustenta a programación do museo, como son as exposicións temporais, o programa educativo, as actividades para nenos e familias, as actividades para escolares e as actividades formativas para adultos. No primeiro apartado, mencionou as mostras que se poden ver actualmente, como "A Arte de Facer Libros", aberta ata o 6 de febreiro e que introduce ao visitante no mundo da edición; e a exposición "Valle-Inclán, Palabra e Imaxe", no museo ata o 27 de febreiro, que conta cunha colección de retratos e caricaturas do artista Siro López que axudan a comprender mellor as diferentes facetas e a profundidade da personalidade do escritor.

Outras dúas mostras ás que fixo referencia Rosendo Covelo son "O obxecto poético e a edición: Dúas achegas dende o surrealismo", que se poderá ver do 17 de febreiro ao 1 de maio, en colaboración coa Fundación Granell; e "Música en Branco: Memoria Musical da Cidade de Vigo", que estará no museo do 3 ao 27 de marzo.

Sobre o programa educativo, o director do museo indicou que todos os sábados e domingos ás 18 horas están previstas visitas comentadas gratuítas á zona expositiva da primeira planta. Ademais, poderá realizarse unha visita comentada ás exposicións "A Arte de Facer Libros" e "O obxecto poético e a Edición: dúas achegas dende o surrealismo" todos os sábados e domingos ás 17 horas, en función da demanda dos asistentes.

Respecto ás actividades para os máis pequenos o museo programa para este trimestre diferentes obradoiros que "tratan de dar a coñecer os contidos das actuais exposicións temporais", sinalou Rosendo Covelo. Estas propostas, dirixidas a rapaces e rapazas de 3 a 12 anos, terán lugar os domingos a partir das 12 horas.

O director do Verbum explicou que o museo tamén programa actividades para escolares como "Verbum Fahrenheit", de martes a venres do 1 ao 11 de febreiro en quendas ás 10 e ás 12 hpras. Dirixido a educación secundaria e bacharelato, é un espectáculo interactivo e didáctico baseado na novela Fahrenheit 451 que combina a narración, a música en directo, e os monicreques para contar a historia dos homes libro.

Outra proposta para escolares é "As Bibliotecas Vivintes: Os Tesouros Vivos". Está dirixida a educación secundaria e bacharelato e terá lugar de martes a venres do 15 ao 18 de febreiro en quendas ás 10 e ás 12 horas. Rosendo Covelo explicou que con esta iniciativa o Verbum súmase ao Proxecto "Books 21", dentro do programa "Lifelong Learning" da Dirección Xeral para a Educación e a Cultura da Unión Europea, co que se busca difundir a nivel local a realización de Bibliotecas Viventes.

"Vicentiño e as árbores da paz", baseada no teatro de sombras, e outra das actividades para escolabres de 6 e 7 anos. Desenvolverase de martes a venres do 22 ao 25 de febreiro e marzo en quendas ás 10 e ás 12 horas. Finalmente, o espectáculo "Nunca menos", dirixido a rapaces de secundaria e bacharelato, tratará de dar unha nova visión sobre a historia de Galicia. Terá lugar de martes a venres do 29 de marzo ao 01 de abril, ás 11 e ás 12.30 horas.

Os obradoiros e cursos para adultos, así como os espectáculos de danza, música e teatro, completan a programación deste primeiro trimestre do 2011. Ademais, e en resposta aos medios, Rosendo Covelo indicou que a renovación da exposición permanente farase a partir dunha mostra temporal sobre a pluralidade lingüística que se inaugurará no mes de abril.
Descargar todas as imaxes