Escoitar

Exposición de Loreto Martínez Troncoso no MARCO

Coa exposición de Loreto Martínez Troncoso, o MARCO inaugura o ciclo titulado ‘ENTRAR NA OBRA’, que se desenvolverá nas salas do primeiro andar, e cuxo nome está tomado da célebre peza de Giovanni Anselmo Entrare nell’opera (1971). A exposición, comisariada por Agar Ledo Arias e Iñaki Martínez Antelo,poderá verse do 28 de xaneiro ao 27 de marzo.

venres, 28 xan 2011
1296220077troncoso.jpg.jpg
Loreto Martínez Troncoso (Vigo, 1978) constrúe situacións a partir de textos, da palabra escrita ou falada, da linguaxe e dos silencios. A exposición do MARCO —primeira individual desta artista— reúne traballos realizados entre 2009 e 2011 —dúas pezas sonoras, unha pequena biblioteca, unha planta, un facsímile de óleo sobre lenzo dun artista anónimo, unha proxección de vídeo, un texto en transparencia, un pensamento na parede, e unha proxección de diapositivas— que na súa maioría funcionan como documentos do proceso de creación. A peza máis recente, a instalación sonora titulada ‘No sé si me da miedo la muerte, no sé casi nada desde que llegué al mar’ , é resultado de varios obradoiros e entrevistas realizados pola artista con grupos de estudantes de Bacharelato (IES Val Miñor, Nigrán), Primaria e Infantil (CEIP García Barbón, Vigo), e adultos, e acompáñase dunha selección de debuxos dos alumnos participantes nestes talleres.

‘Entrar na obra’

‘Entrar na obra’ é un ciclo de exposicións que se desenvolverá nas salas do primeiro andar do MARCO. O título do ciclo está tomado da célebre peza de Giovanni Anselmo Entrare nell’opera (1971), emulsión fotográfica sobre lenzo, na que o artista se fotografa a si mesmo atravesando unha aba nunha acción que interpretamos como reveladora sobre a relación entre o artista e a súa obra e entre o espazo e o tempo. O artista altera o seu papel e xera unha situación de integración, ante a que tamén reacciona o espectador, que, se ben non entra fisicamente na obra, participa sendo testemuña desta ruptura dos límites tradicionais que separan suxeito e obxecto. O significado último reside, pois, na reacción do espectador.

O papel fundamental do espectador no proceso de creación da obra de arte formou parte, nas últimas décadas, de discusións e ensaios. Ao longo do século XX xorden os conceptos de obra aberta, espectador emancipado ou morte do autor, e o rol do público pasa a ser esencial para completar a peza, mediante a súa mera presenza física ou a necesidade de implicarse activamente. O artista xa non é o eixe central do proceso e as coordenadas de percepción márcanas, como escribe Douglas Crimp, non só o encontro entre o espectador e a obra, senón entre ambos os dous e o espazo que ocupan. En que grao necesita o público estar ante a obra? O simple feito de mirar non ten xa valor?

O paradoxo que rodea o concepto de espectador e que o sitúa entre a pasividade e a acción é o punto de partida desta serie de proxectos, que analizan a condición do público como elemento inherente á obra. A relación directa entre ambos os dous, o intercambio físico ou a reciprocidade inmediata xeran unha nova dimensión na que tempo e espazo alteran as condicións da recepción e da percepción.

O ciclo ‘Entrar na obra’ iníciase o 28 de xaneiro con Loreto Martínez Troncoso, para continuar a partir de abril con Wilfredo Prieto (Sancti-Spiritus, Cuba, 1978), ao que seguirán as propostas de Rubén Grilo (Lugo, 1981), Karmelo Bermejo (Málaga, 1979), Judi Werthein (Bos Aires, Arxentina, 1967), e Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979).

Loreto Martínez Troncoso

Loreto Martínez Troncoso (Vigo, 1978) constrúe situacións a partir de textos, da palabra escrita ou falada, da linguaxe e dos silencios. As súas cartas, conferencias, discursos ou relatos diríxense a un visitante necesario —un destinatario sen o que non hai obra— que actúa como receptor da palabra e das súas transposicións.

O traballo de Loreto Martínez Troncoso é esencialmente inmaterial, e adopta diferentes aparencias segundo o contexto no que acontece, pero case sempre mantén un elemento común: o cuestionamento permanente da linguaxe e das súas formas establecidas, e dos seus destinatarios.

As súas primeiras performances céntranse nos conceptos de aquí e agora, unha conciencia que permanece nas gravacións e pezas sonoras, que regresan sobre as súas preocupacións primeiras evidenciando unha busca permanente, unha non resposta e a escritura constante do mesmo texto, que devén autoficción.

Na súa proposta para o MARCO, aborda aspectos como a desaparición, a perda, a memoria ou o medo, a través de pezas ou documentación existentes e de novas producións, construídas a partir de citas e superposicións. As súas obras son palimpsestos, onde se evidencia o poder da linguaxe e onde a intertextualidade se converte en vehículo de comunicación. Estes dispositivos de transmisión son fundamentais no seu intento de manter unha relación directa co público.
Descargar todas as imaxes