Escoitar
Esta primeira exposición colectiva poderá ser visitada ata o próximo 26 de marzo

A Escola Municipal de Artes e Oficios abre un novo espazo expositivo no centro da cidade

A nova sala de exposicións, Espazo EMAO, inaugúrase coa mostra colectiva "Proxecto Pintura" que poderá visitarse de martes a sábado. Será un espazo expositor continuo e dinámico, vinculado a todas as especialidades da EMAO. A institución recompón unha ponte sólida e duradeira coa cidadanía a través da apertura deste espazo.

xoves, 27 xan 2011
Artesanía de coiro, encaixe de palillos, moda e confección, debuxo, pintura, cerámica artística, encadernación artística, serigrafía artística... Estas son algunhas das disciplinas que forman parte dunha selección de traballos de alumnos realizados nos obradoiros da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) e que se exhibirán no novo espazo expositivo.

"Proxecto Pintura" é o nome dunha mostra que nace con vocación de continuidade e dinamismo a través dunha proposta que pasa por ser algo máis que un lugar onde poder contemplar as pezas do intenso labor educativo e creativo de alumnado e profesorado da Escola. A concelleira de Educación, a socialista Laura López Atrio, subliña que "é a forma de devolverlle á cidadanía, en forma de obras artesás e artísticas, unha parte do esforzo feito para manter a cultura e a educación en Vigo nun alto nivel".

A nova sala de exposicións "Espazo EMAO" inaugurarase con esta mostra colectiva "Proxecto Pintura", as 19 horas do venres 28 de xaneiro e poderá ser visitada ata o 26 de marzo de martes a sábado, entre as 19:00 e as 21:00 horas.

Co espazo EMAO esta centenaria institución pretende "recompoñer unha ponte sólida e duradeira coa sociedade viguesa, da que forma parte inseparable". Laura López Atrio asegura que "o novo espazo é á vez un inicio e un resultado. Inicio dunha etapa na que a Escola se abre e mostra en que consiste, e cal é o sentido da súa actividade creativa e formativa. Pero é tamén o resultado dunha etapa de redefinición de obxectivos para sentar as bases da institucionalización da formación de carácter non regrado no eido das artes e oficios", di a edil.

A obra está comisariada polos profesores Federico Fernández e Miguel Vázquez quen afirman que "a medio prazo este podería ser un contedor de novas ideas onde os foráneos, persoas de fora da escola, trouxesen novos modelos de entender a arte, a artesanía ou mesmo a vida. Pensamos nun recipiente onde compartir, debater, formar e aprender...un lugar de retroalimentación que nos sorprenda pola súa dinamicidade".