Caballero anunciou a reedición do Pacto Local Polo Emprego na entrega de 400 diplomas do proxecto "Imos Traballar"

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe mércores que convocará a empresarios y sindicatos para reeditar o Pacto Local polo Emprego, que foi asinado o pasado ano para fortalecer a contratación e facilitar a inserción laboral. O rexedor anunciou tamén reunións cos principais sectores productivos vigueses, como o naval ou a automoción, para dinamizar a economía e o emprego na cidade da man do Concello de Vigo.

mércores, 26 xan 2011
1296049716diploma.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este mércores que convocará a empresarios e sindicatos vigueses para reeditar o Pacto Local polo Emprego, iniciativa vixente enmarcada dentro do proxecto "Imos Traballar" para fortalecer a contratación e facilitar a inserción laboral.

A reedición do pacto será "con contido e apoio concreto ao sector produtivo", apuntou Caballero, e detallou o convenio que ultima coa factoría viguesa de PSA e reunións coa industria de compoñentes e outros sectores productivos. O Concello fará "aportacións financeiras substanciais" para potenciar a economía viguesa, e con compromisos de emprego. A rebaixa nun 70% das taxas das terrazas aprobadas polo goberno local tamén "vai nesa dirección".

Despois de múltiples reunións sectoriais en 2009 entre o goberno local, empresarios e sindicatos, o actual Pacto Local polo Emprego -asinado finalmente o 21 de xuño de 2010- sentou o consenso necesario sobre os obxectivos, metas e accións a desenvolver. Os obxectivos deste marco de actuación pasan por fortalecer o emprego existente, identificar as posibles liñas de negocio e promover o autoemprego, así como facilitar a inserción laboral dos colectivos desfavorecidos.

Abel Caballero reivindicou o éxito do acordo social e reiterou a "involucración absoluta" en materia de emprego do Concello de Vigo, pese a non ter competencias ao respecto. O alcalde avogou por percorrer o "camiño conxunto" para a inserción laboral e a dinamización da economía da man dos sindicatos e empresarios, e avanzou próximas reunións con sectores estratéxicos para a economía viguesa -automoción, naval ou pesca, entre outros- para abordar a cuestión. O socialista agradeceu o compromiso das centrais empresariais e sindicais na mellora da empregabilidade en Vigo.

Imos Traballar
O Pacto Local polo Emprego está enmarcado no proxecto "Imos Traballar", iniciado en 2008 pola Concellería de Promoción Económica e Emprego que dirixe o socialista Santos Héctor Rodríguez. Outra liña de traballo dentro desta iniciativa son os itinerarios integrais de inserción sociolaboral, acción pola que hoxe mércores o alcalde e o edil entregaron 400 diplomas correspondentes ao pasado ano 2010.

Nestes itinerarios están a participar un total de 500 desempregados, que reciben titorización personalizada, formación presencial e prácticas en empresas, percibindo un salario de 400 euros. O porcentaxe de inserción laboral ao remate do itinerario ronda o 40%, polo que sobre 180 están xa empregados.

Os itinerarios establecidos abranguen distintos campos como a atención sociosanitaria a personas no seu domicilio, empregado de fogar, coidado de discapacitados psíquicos e físicos, animación para persoas maiores e especialista en atención domicialiaria infantil. Dos 33 itinerarios, un total de 26 xa concluíron e outros sete continúan desenvolvéndose.
Descargar todas as imaxes