Escoitar

Santi Domínguez levará ao vindeiro pleno o debate sobre a proposta de reforma das pensións

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou hoxe martes que o grupo municipal do BNG presentará unha moción no vindeiro pleno da corporación para debatir a proposta de reforma do sistema de pensións. O nacionalista defendeu o mantemento da idade legal de xubilación nos sesenta e cinco anos e o período para o cálculo da contía da pensión nos quince anos de cotización. O texto tamén reclama á Xunta que incremente os orzamentos para a inclusión social e, en concreto, para a Risga e as Axudas de Emerxencia Social.

martes, 25 xan 2011
1295960998mocion.JPG
Santi Domínguez subliñou que a reforma das pensións que contempla aumentar o periodo de cotización para cobrar a xubilación é un exemplo da "política pregada á gran banca". Ademais, defendeu que o recorte castiga con máis forza a Galiza, xa que é aquí onde están as pensións máis baixas de todo o Estado. Segundo estiman diversas persoas especialistas en economía, por cada incremento dun ano no período de cálculo da pensión, a contía descende de media nun 1%. Así, de incrementarse en cinco anos este cómputo, a pensión media dun galego ou galega, que está en 730,70 euros mensuais, descendería en 36,5 euros cada mes, e 511 euros anuais.

Por outra banda, o tenente de alcalde afirmou que é unha falacia que o actual sistema retributivo das pensións estea en perigo, posto que no ano 2010 o sistema sanitario deu superávit. "A que veñen estas medidas?", preguntábase na súa intervención. Segundo o tenente de alcalde, ao igual que no "bandazo das caixas", estes recortes afortalan a banca privada. "Non está en perigo o sistema público de pensións, senón o privado", asegurou. Neste sentido dixo que queren crear alarma e facer crer que o sistema público está en perigo para que a cidadanía recurra aos fondos privados. "Cos cartos dos traballadores e traballadoras están a perpetrar que grandes cargos cobren máis de 97 millóns pola súa xubilación, e aí non hai recortes", criticou Santi Domínguez.

Para o nacionalista "hoxe máis que nunca as forzas políticas téñense que definir ou a favor dunha política de dereitas que favorece ás caixas ou a favor dunha política de esquerdas centrada na defensa dos traballadores e traballadoras". Deste xeito asegurou que o vindeiro día 27 de xaneiro o BNG estará acompañando aos traballadores desta cidade "en defensa de que os anos traballados garantan unha xubilación digna".

A reclamación para que a Xunta aumente os orzamentos para a Risga e as Axudas de Emerxencia Social que contempla a moción que presentará o BNG tamén vén dada pola situación que se vive en Galiza. O documento sinala que os galegos e as galegas por debaixo do limiar da pobreza ascenden a máis de 600.000 persoas, aínda que as persoas perceptoras da renda de integración social de Galiza (RISGA) é menor de 5.000. Diante desta situación, aínda que a Xunta recoñeceu que vai haber un incremento das solicitudes do 18% no 2011, nos orzamentos correspondentes a este ano o goberno galego conxelou as partidas destinadas a garantir os recursos económicos de subsistencia.

Segundo a moción, neste contexto a supresión por parte do Goberno do Estado da axuda de 426 euros que viñan recibindo 9.000 galegos e galegas, agrava as consecuencias dos recortes sociais practicados pola Xunta de Galiza. O documento afirma que estas medidas incrementan a pobreza e agravan as desigualdades, especialmente nun momento no que os traballadores e traballadoras que perderon o seu emprego no punto máis álxido da crise están a piques de esgotar a cobertura por desemprego.
Descargar todas as imaxes