Escoitar
Este programa permitirá mellorar a contorna natural do parque empresarial para o goce dos traballadores e veciños da zona

O Concello, Zona Franca e as empresas do Parque Tecnolóxico apoian un programa de formación para mozas en risco de exclusión social

As empresas integradas na Entidade Urbanística de Conservación do PTL, o Concello de Vigo e Zona Franca están apoiando a realización de cursos de formación para mozas en risco de exclusión social a través de aulas de formación en xardinería e servizos forestais. Este programa estase levando a cabo na súa vertente práctica nas zonas verdes do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo mentres que as clases teóricas impártense no edificio central de Texvigo.

xoves, 27 xan 2011
1296135688zfv.JPG
En base a unha idea coaboradora e social do proxecto, a Entidade Urbanística de Conservación do Parque asinou un convenio co Instituto de Valadares, a Asociación Arela e a empresa de xardinería que actualmente traballa no Parque para pór en marcha o Programa de Formación en Xardinería do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo. Este é un programa de formación de 560 horas, onde se espera conseguir a integración de mozas en situación de exclusión social, ou impedir o abandono dos estudos de mozos da contorna do PTL con risco de fracaso escolar, dándolles a oportunidade da aprendizaxe dunha profesión nas zonas forestais do Parque.

Neste primeiro programa, os alumnos, ao longo de seis meses, recibirán unha formación tanto teórica como práctica que lles capacitará para futuros traballos nesta materia e serviralles como trampolín para introducirse no mundo laboral.

Con posterioridade ao programa, analizaranse os resultados para poder avaliar a conveniencia de darlle continuidade en anos posteriores, xa non só en materia de labores forestais xa que, se o proxecto seguise adiante, a intención tanto do Consorcio como do Concello e da Entidade Urbanística de Conservación do PTL é ampliar o programa de formación con outros cursos ou obradoiros.

Para futuros cursos, barállase a posibilidade de recuperación de tres muíños que se atopan na zona, e que nestes momentos foron invadidos pola maleza. En breve, e coa retirada da masa forestal, poderase comezar a facer un estudo das posibilidades de mellora para, no futuro, realizar nestes espazos talleres de cantería, taller de ruta de muíños, taller de recuperación de marxes fluviais e outras actividades formativas

Así, ademais de contribuír á formación profesional de colectivos desfavorecidos, espérase que, o máis axiña posible, todo aquel que se queira achegar pola zona empresarial tamén poida gozar dun paseo agradable por unha contorna natural de gran amplitude na que se habilitarán áreas de descanso, un parque infantil e un para persoas maiores. Esta conxunción de actividades persegue un novo concepto máis humano de parque empresarial segundo a filosofía de traballo do Consorcio, que desenvolve na súa Rede de Parques Zona Franca ámbitos de calidade para usos empresariais e de lecer complementarios para as persoas que alí traballen. En definitiva, do mesmo xeito que se fixo en Porto do Molle, preténdese que tanto as persoas que desenvolven a súa actividade laboral nas diferentes empresas instaladas como os veciños das parroquias, poidan conxugar no Parque Tecnolóxico traballo e esparexemento.
Descargar todas as imaxes