Escoitar

O goberno local aproba unha declaración de "apoio firme e consistente" ao Campus do Mar vigués

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este luns do visto bo dado pola Xunta de Goberno Local a unha declaración municipal de "apoio firme e consistente" ao proxecto de Campus do Mar co que a cidade de Vigo opta, a través da súa Universidade, á distinción de campus de excelencia internacional.

luns, 13 set 2010
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este luns da aprobación e rúbrica por parte do propio rexedor da declaración institucional de apoio ao Campus do Mar, na recta final para ser distinguido como campus de excelencia internacional. O texto é o seguinte:

EXPRESIÓN DE INTERESE E APOIO DO CONCELLO DE VIGO Ó PROXECTO "CAMPUS DO MAR" PRESENTADO POLAS TRES UNIVERSIDADES GALEGAS E COORDINADO POLA UNIVERSIDADE DE VIGO PARA ACCEDER Á DISTINCIÓN DE CAMPUS DE EXCELENCIA INTERNACIONAL

O proxecto Campus do Mar é unha candidatura presentada polo conxunto do Sistema Universitario de Galicia á convocatoria "Campus de Excelencia Internacional". Conta coa promoción das tres Universidades galegas, o apoio do CSIC, do Instituto Español de Oceanografía e as Universidades portuguesas de Aveiro, Porto, Miño e Tras os Montes, e coa participación activa dos axentes do Sistema de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia relacionados co ámbito mariño nos sectores naval, de acuicultura, de captura e extractivo.

Campus do Mar, polo tanto, é un proxecto estratéxico que ten como obxectivo nuclear a toda a sociedade galega ó redor das súas universidades e centros de investigación, coa finalidade de xerar un polo de atracción de talento a escala internacional que, a través da mellora da calidade investigadora e docente, permita potenciar a transferencia de coñecemento cara ós sectores produtivos no ámbito mariño.

Estimando que estes obxectivos son de interese estratéxico para Vigo e para Galicia o Concello de Vigo apoia a candidatura do Campus do Mar para acceder a distinción de Campus de Excelencia Internacional. Asemade, manifesta a súa disposición a colaborar, no ámbito das súas atribucións e na medida que sexa pertinente a participación do Concello, na consecución dos obxectivos do Campus do Mar.