Escoitar

O Concello permitirá anular denuncias da zona azul de ata 45 euros cun pago desde 2,3 ata 7 euros

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou este luns que o goberno aprobou o proxecto de modificación da Xestión do Estacionamento Regulado (XER), a chamada zona azul, polo que os sancionados poderán evitar a multa de ata 45 euros con pagos de 2,3 euros, 5 ou 7 euros, dependendo do tipo de infracción. O alcalde explicou a rebaixa afirmando que "en absoluto" este sistema "ten unha función recadatoria" senón que procura unha "mellor circulación"

luns, 13 set 2010
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou que a Xunta de Goberno Local deste luns deu luz verde ao proxecto de modificación da ordenanza da XER, a chamada zona azul, cambio que permitirá aos sancionados anular a denuncia con pagos de 2,3 euros, 5 ou 7 euros.

O alcalde indicou que "a nosa vontade é proporcionar unha mellor circulación na cidade e en absoluto ten nada que ver con ningunha circunstancia recadatoria", e como mostra o Concello permite a anulación da denuncia dos 30 a 45 euros actuais cun máximo de sete euros. Abel Caballero explicou que esta medida é unha "corrección ante posibles erros ou despistes".

Segundo reza o proxecto municipal do departamento de Mobilidade que dirixe o socialista Xulio Calviño, existen tres circunstancias diferentes na anulación da sanción que correspóndense ao pago de 2,3 euros, cinco ou sete euros respectivamente.

A denuncia por estacionar nunha praza da XER, durante o horario de funcionamento do servizo, carecendo de ticket poderá ser anulada durante un período máximo de unha hora á súa formulación co pagamento dunha tarifa de 7 €.

En segundo lugar, a denuncia por estacionar superando o horario autorizado no ticket de aparcamento poderá ser anulada se a duración do aparcamento excedese da sinalada no ticket nun máximo de unha hora co pagamento dunha tarifa postpagada de 2,30 €.

Como terceira opción, a denuncia por permanecer estacionado nunha mesma vía en zona XER, durante o horario de funcionamento do servizo, por tempo superior a dúas horas poderá ser anulada durante un período máximo de unha hora á súa formulación co pagamento dunha tarifa de 5 €.

Para a anulación das denuncias formuladas nos supostos indicados, o usuario obterá o ticket correspondente que, xunto co primeiro nos casos dous e tres, serán introducidos na caixa situada ao pé de cada expendedor ou entregados ao persoal vixiante controlador do servizo da XER para que anule a denuncia formulada.