Escoitar

O Plan Municipal de Emprego apoia con bonificacións fiscais dous proxectos empresariais de interese municipal

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, deu hoxe conta das decisións adoptadas na Xunta de Goberno Local polas que dous proxectos empresariais contemplados como Proxectos de Interese Municipal (PEIM) serán obxecto de bonificacións fiscais en impostos municipais. Caballero insistiu en que a xeración de emprego segue a ser o eixo central das actuacións deste goberno municipal e explicou que os proxectos son AULATEL, Formación e Consltoría S.L. E Centro de Tecnoloxías Avanzadas de Investigación para a Industria Mariña e Alimentaria.

luns, 12 xul 2010
O Plan Municipal de Emprego inclúe, entre outras, axudas á creación de empresas, que ben poden ser a través de subveción directa ou ben a través de bonificacións en determinados impostos municipais. As bonificacións están dirixidas a aqueles proxectos declarados de interese municipal, independentemente da súa forma xurídica, que teñan domicilio no ámbito territorial do Concello de Vigo.

Ditas bonificacións aparecen contempladas nas ordenanzas municipais como son o Imposto sobre Actividades Económicas cunha bonificación na cota do 50% durante os cinco exercicios seguintes; Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre construccións, instalacións e obras, bonificación na cota deste imposto do 50%; Ordenanza fiscal reguladora dos dereitos e taxas pola concesión de licenzas para construccións, obras e instalacións e outros servizos, con bonificación do 75% das taxas relativas a obras de nova pranta ou de reforma necesarias para iniciar unha actividade cualificada como proxecto empresarial de interese municipal. O mesmo sucede coa ordenanza que regula as taxas por licenzas de actividades e instalacións, tamén cunha bonificación dun 75%.

O proxecto AULATEL Formación y Consultoría, S.L., ten por obxecto a comercialización on line a través dunha plataforma interactiva propia trilingüe (galego, castelán e portugués), tanto para particulares como para empresas.

O proxecto presenta aspectos innovadores tales como a implantación dun cambio cualitativo nun servizo, zona wifi, bolsa de prácticas e emprego, implementación dun sistema de calidade específico para os procesos de formación ou creación de contidos pedagóxicos para e learning propios e adaptados a ambos mercados (España e Portugal) o que permitirá unha mobilidade xeográfica e nivel profesional.

O segundo proxecto empresarial é un "Centro de Tecnologías Avanzadas de Investigación para la Industria Marina y Alimentaria" de Anfaco-Cecopesca. As liñas de actuación son o desenvolvemento de novas liñas de investigación para o sector alimentario, principalmente nos campos de calidade e seguridade alimentaria, formulación e obtención de novos alimentos e adptación de tecnoloxías emerxentes aos procesos de fabricación. O acordo acadado na Xunta de Goberno recolle ademáis que o proxecto dará resposta ás crecentes demandas da industria en materia de I+D+i.