Escoitar

Santi Domínguez anima a visitar a mostra "Patas, pegadas da evolución", que estará na Casa das Artes ata o 22 de agosto

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, participou este venres na inauguración da mostra "Patas, pegadas da evolución", da Fundación la Caixa, que se poderá ver ata o vindeiro 22 de agosto na Casa das Artes.

venres, 9 xul 2010
1278683702expo.JPG
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, participou este venres na inauguración da mostra "Patas, pegadas da evolución", da Fundación la Caixa, que se poderá ver ata o vindeiro 22 de agosto na Casa das Artes. No acto animou a visitar unha "exposición impactante", que a través de 26 imaxes do prestixioso fotógrafo de naturaleza Ingo Arndt, "fan sentir a interacción e deixan abertos moitos interrogantes".

Santi Domínguez salientou que a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura teñen "claro" que é preciso "poñer en valor o noso", pero destacou que a galega é unha "cultura que sempre se abriu ao universo, admirando as obras que veñen doutros lugares". Neste sentido afirmou que Ingo Arndt é un dos mellores fotógrafos do mundo, polo que agradeceu á Obra Social de La Caixa pola súa colaboración para traer a mostra a Vigo.

"Patas, pegadas da evolución" é o froito de tres meses de traballo de Ingo Arndt, que percorreu máis de 10.000 kilómetros por varios zoos e terrarios de Suiza, Alemaña, Austria e Namibia, onde captou máis de 5.400 imaxes. Pode visitarse na Casa das Artes ata o 22 de agosto en horario de luns a sábado de 11 a 14 horas e de 18 a 21.30 horas, e os domingos e festivos de 11 a 14 horas. As visitas guiadas teñen lugar de luns a sábados ás 11.30 e ás 20 horas.

O tenente de alcalde afirmou que é coñecida a implicación de La Caixa na vida social e expresou a súa satisfacción por escoitar que un dos obxectivos desta entidade sexa "mellorar a calidade de vida das persoas", en referencia ás palabras ditas polo director da área de Negocio de La Caixa en Vigo, José Manuel Escobar. Este obxectivo coincide coas prioridades das áreas coordinadas pola Tenencia de Alcaldía, segundo salientou Santi Domínguez.

José Manuel Escobar dixo que as actuacións da entidade á que representa tratan de unir dous conceptos, como son a cultura e a acción social e asegurou que dos investimentos que La Caixa fará en Galiza, 3 millóns "serán para a provincia de Pontevedra".

"Patas, pegadas da evolución está composta por fotografías dunha beleza singular que salta a vista", afirmou o comisario da mostra, Daniel Jiménez. Pero destacou que a mostra tamén permite reflexionar sobre a adaptación dos animais aos diferentes ecosistemas a través das súas patas. Considerou que outros aspectos impactantes da exposición é que amosa que a natureza é "a fonte tecnolóxica máis avanzada que o ser humano aínda non puido igualar".

Daniel Jiménez agradeceu ao Concello de Vigo e en particular á Tenencia de Alcaldía e á Concellería de Cultura por poder realizar a exposición "nun lugar tan privilexiado como a Casa das Artes". Mencionou que a mostra adquire especial significado ao celebrarse nun ano intermedio entre o ano Darwin (2009) e o ano da biodiversidade (2011).

O concelleiro de Cultura salientou que esta mostra é o inicio dun "longo camiño de colaboración" entre La Caixa e o Concello de Vigo. Explicou que mediante as imaxes dun dos fotógrafos gañadores do World Press Photo "aborda o camiño das especies cara á evolución".

Descargar todas as imaxes