Escoitar

O tenente de alcalde inicia na zona centro unha rolda de visitas para recoller as demandas do comercio da cidade

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santi Domínguez, iniciou este mércores no mercado do Progreso unha rolda de visitas as zonas comerciais da cidade. Esta iniciativa ten por obxectivo "recoller as demandas e suxestións dos comerciantes" e comprobar in situ a repercusión das axudas ao sector postas en marcha pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio.

mércores, 18 nov 2009
1258550656zonascomerciais.jpg
Santi Domínguez avanzou que as visitas terán lugar "dous ou tres días á semana" e nelas, ademais de percorrer as zonas comerciais e os mercados de Vigo, servirán para afondar no contacto directo que xa mantén coas asociacións de comerciantes. "Na nosa aposta polo pequeno e mediano comercio é fundamental ter un contacto directo con todos os comerciantes", afirmou o tenente de alcalde.

En resposta ás preguntas dos medios sobre as principais demandas que plantean os profesionais deste sector, Santi Domínguez explicou que a relacións sistemática cos comerciantes amosa os problemas froito da crise, xa que a situación económica actual "non favorece o consumo". Ao respecto, o tenente de alcalde expresou que "somos optimistas, porque pensamos que as axudas postas en marcha pola administración farán que o sector saia adiante".

O tenente de alcalde destacou que incentivar o consumo é fundamental, pero que no ámbito dos mercados fundamentais tamén é importante o traballo relacionado coas súas infraestruturas. Neste sentido, explicou que se está a traballar nun Plan Director dos Mercados Municipais, que inclúe reformas en todos os mercados municipais de Vigo. Sinalou que o prazo de remate destas remodelacións, entre 3 e 5 anos, depende non só do Concello de Vigo, senón tamén das achegas doutras administracións, nomeadamente a Xunta de Galicia. Subliñou que as reformas contempladas neste plan se fixeron "partindo das suxestións e necesidades planteadas polos propios xerentes dos mercados".

Nesta primeira xornada de visitas o nacionalista percorreu diferentes rúas do contorno do Progreso. Santi Domínguez recolleu as boas impresións dos comerciantes sobre as axudas ás familias para incentivar co consumo, así como as directas aos comerciantes para fomento do emprego. Tamén tivo moi boa acollida a iniciativa de ofrecer aparcemento e bus gratuíto aos clientes por compras superiores a 10 euros. Entre as demandas figuran a necesidade de dotar dunha boa sinalización, con indicativos para que a xente que chega de fóra de Vigo teña doado atopar as zonas comerciais. Tamén pediron ao tenente de alcalde que se favoreza o transporte público.
Descargar todas as imaxes