Escoitar

O Concello buscará un novo local para a Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos

O alcalde, Abel Caballero, transmitiulle á Concellería de Participación Cidadá a necesidade de encontrar un novo local para a Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos, no que esta asociación poida levar a cabo, nun clima de intimidade, o seu labor de asistencia a mulleres maltratadas.

mércores, 5 set 2007
1188994114rede050907.jpg
Caballero mantivo este mércores no seu despacho un encontro con representantes da Rede de Mulleres Veciñais, aos que lles propuxo que "recorran a nós como intermediarios para todo o que necesiten". Neste sentido, a Rede de Mulleres Veciñais solicitou a implicación do Concello na sensibilización do ámbito da xustiza en relación aos malos tratos, petición á que o alcalde respondeu que "o falarei co conselleiro de Xustiza".

Xornadas de saúde cardiovascular

Antes desta xuntanza, Abel Caballero reuniuse con Xulio Beiras, organizador das Xornadas de Prevención e Educación en Saúde Cardiovascular, que terán lugar no Centro Social Caixanova a mediados do presente mes de setembro. O alcalde expresou o seu "grande interese" en relación a este evento, que reunirá na nosa cidade a expertos españois e europeos en materia de saúde cardiovascular.

Segundo explicou Caballero, as Xornadas terán carácter divulgativo e buscarán a participación da cidadanía a través de actividades como unha marcha urbana. Ademais, o alcalde anunciou unha campaña de potenciación da saúde cardiovascular, que incluirá medidas como a disposición de equipos de emerxencias en todos os edificios públicos e centros onde se produzan aglomeracións e a realización de cursos de actuación en caso de emerxencia cardiovascular por parte dos membros da Policía Local e dos bombeiros.

Reunión con El Corte Inglés

Tamén se reuniu o alcalde este mércores co director rexional de El Corte Inglés, Ricardo Cabrera, quen manifestou o seu desexo de que o Plan Xeral se aprobe o antes posible para que estes grandes almacéns poidan contar con novas instalacións en Vigo. Abel Caballero recordoulle a Ricardo Cabrera que confía en que o PXOM estea aprobado antes de finalizar 2007.
Descargar todas as imaxes