Escoitar

O mellor hockey do mundo, este venres e sábado no Pavillón das Travesas

O Pavillón Municipal das Travesas acolle o venres 7 e o sábado 8 de setembro o 24º Torneo Cidade de Vigo de Hockey sobre Patíns, no que participarán o FC Barcelona, o Bassano Hockey de Italia, o HC Liceo e o Vigo Stick.

mércores, 5 set 2007
1188995634cidadedevigo3.jpg
O torneo foi presentado este mércores polo tenente de alcalde, Santiago Domínguez, como "o máis importante do mundo" pola calidade da súa organización e o nivel dos equipos que participan nel. De feito, os responsables internacionais desta modalidade deportiva estarán en Vigo durante a celebración deste evento para decidir se a nosa cidade acolle o Mundial de hockey sobre patíns de 2009. Por este motivo, e para asegurar a presenza do maior número posible de espectadores nas bancadas, a entrada aos partidos das dúas xornadas será gratuíta.

O Cidade de Vigo servirá, ademais, de campo de probas para as novas normas que se pretenden aplicar á práctica deste deporte a nivel internacional, e que buscan un xogo máis rápido e vistoso para o espectador.

Como novidade para esta 24ª edición, o Cidade de Vigo contará cun torneo feminino, no que participarán os clubes Ureca, Órdenes, Vigo Stick e Raxoi. As semifinais deste torneo serán o venres ás 17.00 horas (Ureca-Órdenes) e ás 18.00 (Vigo Stick-Raxoi). O partido polo terceiro posto disputarase o sábado ás 17.00 horas e a final, ás 18.00.

A categoría masculina destaca este ano pola presenza do campión da Liga Europea, o FC Barcelona, e o subcampión, o Bassano Hockey, xunto cos clásicos galegos HC Liceo e Vigo Stick. A primeira semifinal (FC Barcelona-HC Liceo) será o venres ás 20.00 horas e a segunda (Bassano Hockey-Vigo Stick), o mesmo día ás 21.45. O sábado disputaranse o partido polo terceiro posto (20.00 horas) e a final (21.45), despois da cal se celebrará a entrega de trofeos e a clausura do torneo.
Descargar todas as imaxes