Escoitar

Caballero confía ter Plan Xeral antes de fin de ano

O alcalde, Abel Caballero, volveu manifestar este martes a súa intención de que o Plan Xeral de Ordenación Municipal se aprobe este ano, contando con todas as garantías xurídicas e sen que sexa necesaria unha nova exposición pública do documento.

martes, 4 set 2007
1188908036urbanismo040907.jpg
Caballero reuniuse este martes coa nova xerente de Urbanismo, Julia Chamosa, e a concelleira de Urbanismo, Carmen Silva. O encontro tivo como tema principal a situación do Plan Xeral e as medidas necesarias para a súa aprobación dentro do prazo previsto polo alcalde.

Segundo adiantou Julia Chamosa na rolda de prensa posterior á reunión, a aprobación do PXOM é a "tarefa primeira e máis importante" na súa nova etapa á fronte da Xerencia Municipal de Urbanismo. A nova xerente anunciou o inicio de contactos coa Consellería de Política Territorial de cara á inclusión no documento dos cambios previstos polo Goberno municipal, entre eles o de reservar o 40% da superficie edificable contemplada no Plan a vivenda de protección social.

Chamosa indicou, ademais, que a introdución desta e doutras modificacións no PXOM non comportará un cambio no modelo de cidade deseñado no documento nin fará necesaria unha nova exposición pública do Plan. Se os prazos se cumpren segundo espera o alcalde, o PXOM estará aprobado en decembro. Caballero engadiu que, en todo caso, o Plan deberá contar con todas as garantías xurídicas.

Con motivo do inicio desta nova etapa no urbanismo de Vigo, o alcalde manifestou a súa "total e absoluta confianza" no "extraordinario nivel político e técnico" de Carmen Silva e Julia Chamosa.
Descargar todas as imaxes