Escoitar

PSdeG-PSOE e BNG rexeitan a moción do PP sobre a Área Metropolitana

PSdeG-PSOE e BNG rexeitaron este luns cos seus votos a moción do PP na que se solicitaba que o Pleno da Corporación apoiase o anteproxecto de Lei de Área Metropolitana de Vigo consensuada polos alcaldes de 14 concellos en marzo de 2006.

luns, 3 set 2007
1188823181pleno030907.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou que a Área Metropolitana é "un sentimento colectivo da cidadanía" que se materializará neste mandato para converterse nun "polo de atracción comparable ao do Grande Porto". "Ímola levar adiante porque os cidadáns a reclaman e porque cremos nela", afirmou Caballero, cuxa proposta de Área Metropolitana inclúe 28 concellos do sur da provincia de Pontevedra.

Neste mesmo sentido, o portavoz do PSdeG-PSOE, Carlos López Font, asegurou que a proposta de 14 concellos "está totalmente superada pola realidade". López Font explicou que a Área Metropolitana de Vigo debe desenvolverse de cara á súa "confluencia coa Área do Porto", tendo en conta circunstancias como a creación de solo industrial en concellos como o das Neves, Tomiño e Tui, que por esta razón, indicou o portavoz socialista, deberían incluírse na Área Metropolitana de Vigo.

En representación do BNG, o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, demandou a creación dunha Área de 14 concellos, baseándose no "traballo serio" e "consensuado" existente, sen que isto impida a posterior incorporación doutros concellos. Domínguez salientou a necesidade de dotar de carácter territorial a unha Área Metropolitana que "ten que ir recabando competencias da Deputación", dentro dunha "nova ordenación do territorio" de Galicia.

Pola súa parte, a voceira do PP, Corina Porro, defendeu na súa moción a conformidade e apoio do Pleno ao anteproxecto de Lei de Área Metropolitana no que se contempla a inclusión de 14 concellos, "tal e como se acordou na reunión dos 14 alcaldes celebrada en Vigo en marzo de 2006". Porro afirmou que "é oportuno" o debate deste anteproxecto por parte do Parlamento de Galicia, para a creación dunha Área Metropolitana "como foi pedida e consensuada polos 14 concellos", sen prexuízo de que se poidan incorporar máis concellos con posterioridade.

DNI electrónico

Ao contrario do sucedido coa moción sobre a Área Metropolitana, o PP logrou o apoio unánime da Corporación á súa proposta sobre o DNI electrónico. Por esta moción, o Goberno municipal insta á Subdelegación do Goberno para que asegure o bo funcionamento dos equipos técnicos e informáticos cos que se tramita o DNI electrónico nas comisarías de Vigo, habilitando ademais os medios materiais e humanos necesarios e aumentando o horario das oficinas para que os cidadáns poidan obter este documento no menor tempo posible.
Descargar todas as imaxes