Escoitar

Eudosio Álvarez presenta o certame de pintura "Antonio Quesada" co obxectivo de incentivar aos novos creadores

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, presentou este martes o primeiro Certame de Pintura "Antonio Quesada" para novos creadores. Eudosio Álvarez afirmou que un dos obxectivos desta iniciativa, na que poden participar mozos e mozas entre 16 e 35 anos, é "animar á produción artística entre a xuventude de Galiza", ademais de recuperar o "vello certame da Praza da Princesa", que nos anos setenta foi un referente na cidade.

martes, 22 feb 2011
1298381675Quesada.JPG
"A presenza e o nome de Antonio Quesada quere servir de ponte entre aqueles anos e hoxe, así como continuar a revitalización do Casco Vello", salientou o concelleiro. O nacionalista explicou que a partir do venres, 25 de febreiro, e durante un mes na web do Concello estarán os impresos de inscrición a disposición das persoas que queiran participar. Ademais de cubrir o documento é preciso presentar unha fotocopia do DI, un curriculum e unha fotografía de resolucoón 300 p.p.

As obras presentadas a concurso deben ter unha dimensión máxima de 1,5 metros por 1,5 metros e mínima de 75 centímetros por 75 centímetros. Respecto á contía dos premios, o concelleiro de Patrimonio Histórico sinalou que haberá un primeiro, dotado con 4.000 euros; un segundo, dotado con 2.000 euros, pero tamén está prevista a posibilidade de que a organización conceda accésits de 2.000 euros "ás persoas que o merezan". Ademais, as obras gañadoras pasarán a formar parte da colección do Museo de Castrelos do século XXI.

Eudosio Álvarez indicou que o xurado estará composto por catro persoas "de recoñecido prestixio", presidido por Antonio Quesada e o concelleiro de Patrimonio Histórico. "Queremos contar tamén cunha persoa de comisariado internacional", afirmou. Farán público o fallo da obra gañadora o 30 de abril ás 12 horas na Casa Galega da Cultura. O concelleiro nacionalista comentou a posibilidade de que este acto se faga na nova Pinacoteca, habida conta de que o certame "complementa o traballo do desenvolvemento do proxecto expositivo dos fondos do Museo de Castrelos".

Eudosio Álvarez tamén sinalou que, se as condicións climatolóxicas o permiten, farase un chamamento á cidadanía para que poidan facer o seu labor pictórico nas diferentes prazas do Casco Vello. "Para nós é un complemento fundamental do traballo expositivo da Pinacoteca, que singulariza o esforzo tanto da xunta reitora do Museo, como da Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Patrimonio Histórico", manifestou.

Antonio Quesada expresou o seu agradecemento a Eudosio Álvarez pola iniciativa e dixo que é unha "gran honra esta atención". Ademais de salientar a importancia da recuperación do certame da Praza da Princesa, asegurou que lle gustaría que a xente presentara "obras magníficas á exposición".

O director do Museo de Castrelos, José Ballesta, afirmou que se trata dunha iniciativa "moi interesante" dende diversos ámbitos, tanto institucional como artístico. "Ademais é un xeito de iniciar a colección do Museo de Castrelos do século XXI", afirmou.
Descargar todas as imaxes