mércores, 23 febreiro 2011

Caballero ve na chegada da multinacional chinesa Citic unha "oportunidade que debemos aproveitar" no gran Vigo

O alcalde de Vigo entrevistouse este mércores cos responsables do xigante chinés, que acaban de introducirse na industria do área viguesa coa adquisición da empresa Censa, en Porriño. Caballero valorou esta entrada de capital estranxeiro como unha "oportunidade moi importante" para o terretorio cun "alcance difícil de medir". O rexedor enfatizou que esta gran compañía quere afianzarse no área metropolitana viguesa e avogou por traballar en conxunto para consolidalo.

O Concello traballará con Dalphimetal para que os seus produtos de seguridade se incorporen aos novos modelos que fabricará Citroën en Vigo

mércores, 23 feb 2011

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitou este mércores a factoría de compoñentes para a automoción, onde acordaron traballar en conxunto para que os elementos de seguridade no automóbil que ensamblan en Vigo poidan incorporarse aos novos modelos da planta de Balaídos de PSA. Ademais, Caballero anunciou que buscarán o respaldo do Ministerio de Ciencia a tres proxectos innovadores que impulsa a terceira empresa da cidade.

O tenente de alcalde estuda recuperar a campaña de parking gratuíto para quen merque no pequeno comercio

mércores, 23 feb 2011

Seguir apoiando ao pequeno e mediano comercio, con novas iniciativas para a súa modernización e campañas de promoción. Esa é a liña de traballo que a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio continuarán desenvolvendo, segundo trasladou hoxe o tenente de alcalde aos comerciantes no percorrido que fixo por diferentes establecementos da zona comercial centro. O nacionalista avanzou que se está estudando recuperar a campaña de estacionamento gratuíto para as persoas que merquen no comercio de proximidade e tamén que se desenvolverá unha campaña de promoción de Vigo en Portugal, que vai favorecer a chegada de visitantes que aproveitan as súas saídas para facer compras.

Caballero confirma a modificación do Plan Xeral para incluir a senda verde que ocupará as actuais vias do tren

mércores, 23 feb 2011

O alcalde de Vigo explicou este mércores que o PXOM de Vigo será modificado para adecualo á decisión municipal de habilitar un paseo verde de 3 quilómetros no espazo que ocupa actualmente as vías ferroviarias ata Urzáiz. Abel Caballero advertiu que o Plan contemplaba a entrada do AVE en superficie, "partindo a cidade en dous", pero a consecución do túnel de acceso permite liberar a zanxa e empregar o espazo para uso cidadá.

Máis de medio centenar de empresarios respaldan a postura do goberno local para que o Área Metropolitana non duplique administracións

mércores, 23 feb 2011

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, entrevistouse este mércores cun colectivo empresarial da cidade para intercambiar opinións sobre o proxecto de lei de Área Metropolitana, encontro que o rexedor cualificou de "interesantísimo" e do que obtivo o "respaldo" á postura do goberno local de que a creación do novo ente implique a cesión de competencias doutras administracións para evitar duplicidades. "O apoio foi total", aseverou Caballero sobre os empresarios, quenes pediron que o Área inclúa competencias de solo industrial e transporte metropolitano.

Santi Domínguez anuncia que o Entroido amplía actividades e o desfile de comparsas recupera o percorrido polo centro

mércores, 23 feb 2011

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Xesus López, presentaron este mércores o programa do Entroido 2011, que comezará o venres 4 de marzo na Praza da Constitución coa lectura do pregón a cargo do actor Avelino González, ás 20.30 horas, e o concurso de coplas ás 21.30 horas. O nacionalista afirmou que do 4 ao 9 de marzo "Vigo vivirá o Entroido dun xeito moi especial, mantendo o deseño dos últimos anos e incorporando novidades".

Vigo inicia as actividades conmemorativas do centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro que se celebran en Galicia

mércores, 23 feb 2011

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, presentaron este mércores as actividades co que a cidade inicia os actos de conmemoración desta efeméride en Galicia. O próximo sábado, 26 de febreiro, celebrarase o acto central, con representacións musicais e teatrais, e toda a semana, desde hoxe, a Praza da Constitución acolle textos traducidos a 15 idiomas para a cidadanía.

María Méndez salienta que máis de 5.400 persoas participaron nos programas de Avellentamento Activo de Benestar Social

mércores, 23 feb 2011

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo balance este mércores das diferentes actividades de prevención da dependencia que se desenvolveron dentro do programa de Avellentamento Activo e Deporte para Maiores en 2010. Destacou que fronte ás 800 persoas que participaban en iniciativas similares no 2007, ao longo do ano pasado foron 5.462 persoas de máis de 65 anos as que participaron nalgunha das actividades de prevención organizadas.

Xesus López anuncia que o programa Duplo R, ademais do concerto, inclúe como novidade unha sesión de grafiti e break

mércores, 23 feb 2011

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este mércores a terceira edición do programa Duplo R, que terá lugar o venres, 25 de febreiro, na sala Inferno a partir das 19:30 horas, co obxectivo de unir dúas liñas como son a tradición galega das regueifas e a expresión cultural urbana do rap e o hip hop. Como novidade, Xesus López anunciou que ás 18 horas celebrarase unha sesión de grafiti e break na confluencia das rúas Urzáiz e Méndez Núñez.

A Sociedade Filharmónica interpretará mañá xoves no Auditorio Municipal pezas de Vivaldi, Mozart, Bach, Falal e Granados

mércores, 23 feb 2011

O Auditorio Municipal acolle mañá, 24 de febreiro, unha nova actuación organizada pola Concellería de Cultura e Animación Sociocultural dentro do seu programa estable de artes escénicas. Será o concerto que ofrecerá a Sociedade Filharmónica, integrada polo dúo do pianista Juan Manuel Varela e a soprano Aida López Carrera, a partir das 20.30 horas. As entradas teñen un prezo de 5 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.