xoves, 24 feb 2011
O alcalde de Vigo deu conta hoxe xoves do inicio dos traballos para a construción da rotonda de Gran Vía, á altura da rúa Baleares, onde ven operando provisionalmente. Caballero anunciou o establecemento dunha fonte luminosa de altura máxima da auga de 5 metros, que incorpora un sistema automatizado de detención dependendo do vento. Esta rotonda "resolveu un problema" de tráfico no vial, polo que decidiuse establecela como definitiva.
xoves, 24 feb 2011
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, asistiu este xoves na ao inicio das obras do Centro Galego de Fotografía, que albergará as coleccións fotográficas dos arquivos Pacheco, Ksado e os fondos das Fotobienais. Segundo destacou o nacionalista este novo espazo cultural de Vigo dá resposta a dous obxectivos cos que se comprometeu o BNG ao asumir tarefas de goberno, como son a recuperación do Casco Vello e a creación dunha "verdadeira rede museística que poña en valor o patrimonio cultural e histórico da cidade", á que tamén contribuirá a apertura da Pinacoteca.
xoves, 24 feb 2011
O Consello da Xerencia municipal de Urbanismo, celebrada este xoves, acordou iniciar a redacción do estudo do novo proxecto viario de entrada a Vigo desde o Seminario. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou que é preciso "readaptar" este acceso atendendo á proxectada autovía de Vigo a Porriño. O trazado anterior, que creaba un novo vial ata Finca do Conde, foi "descartado" en conxunto co Ministerio de Fomento por ser "un novo corte en medio da cidade de Vigo".
xoves, 24 feb 2011
O sindicato Comisións Obreiras organiza hoxe e mañá venres en Vigo estas xornadas dos sectores metal, mineiro e eléctrico sobre a acción conxunta de Galicia e o norte de Portugal fronte aos retos actuais da deslocalización e o Eixo Atlántico. Participan 55 persoas de Galicia e outras 25 portuguesas, baixo os obxectivos de potenciar un maior intercambio rexional e de información e a definición dun plan de traballo.
xoves, 24 feb 2011
Tras visitar onte a factoría viguesa de TRW -antiga Dalphimetal-, o alcalde de Vigo percorreu este xoves as instalacións da fábrica de Denso na cidade, unha da principais industrias de compoñentes da automoción asentada no territorio, dedicada aos sistemas térmicos. Caballero puido coñecer o seu plan de negocio e ofreceu a súa cooperación e a do Concello de Vigo para levar adiante os proxectos de desenvolvemento en Galicia desta empresa na que traballan máis de 200 persoas.
xoves, 24 feb 2011
O programa "Con T de Teatro" continúa mañá, 25 de febreiro, no Auditorio Municipal coa obra "Exitus", que a compañía Titzina Teatro interpretará a partir das 21 horas. Segundo informa a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural, o prezo das entradas é de 7 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación. A programación completa do Auditorio Municipal pódese consultar na web www.vigocultura.org.
xoves, 24 feb 2011
"Vermellas. Chamábanlles rojas" é unha exposición que pon nome e rostro ás mulleres represaliadas en Galicia tras o golpe de estado de 1936. Conta con abundante documentación literaria, ademais de fotografías e material audiovisual procedente do proxecto de investigación interuniversitario "As vítimas, os nomes, as voces e os lugares", dirixido polo catedrático en Historia Contemporánea da Universidae de Santiago de Compostela Lourenzo Fernández Prieto. A exposición poderase visitar do 25 de febreiro ao 20 de marzo.
xoves, 24 feb 2011
O Departamento de Educación de Vigozoo abre o prazo de inscrición das "Primeiras Xornadas Formativas de Educadores", que terán lugar dende o 8 ao 11 de marzo, de 9 a 14 horas nas instalacións do parque zoolóxico.