Escoitar

Santi Domínguez anuncia a Ahosvi que unha unidade móbil promocionará Vigo en cidades de España e Portugal

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou hoxe luns á directiva de Ahosvi as novas iniciativas de promoción turística que vai desenvolver a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Turismo. Unha das novidades será a unidade móbil que percorrerá diferentes cidades do estado español e Portugal para dar a coñecer a oferta turística de Vigo.

luns, 21 feb 2011
A reunión de traballo que mantivo hoxe o nacionalista con Ahosvi forma parte da rolda de contactos periódicos que mantén cos diferentes organismos implicados no sector turístico para coñecer as súas necesidades e avaliar a efectividade das medidas postas en marcha. "Para nós é moi importante estar en permanente contacto co sector e traballar en permanente colaboración el porque temos un obxectivo común: impulsar o sector turístico da cidade", indicou.

Na xornada de hoxe, ademáis de facer balance da campaña de Nadal, o tenente de alcalde abordou coa directiva dos hosteleiros as novas accións que se van desenvolver de cara á campaña de Semana Santa e de verán. Santi Domínguez explicoulles que este ano Vigo vai contar cunha nova ferramenta de promoción destinada ao turismo de proximidade. Trátase dunha unidade móbil, que se porá en marcha dentro do Plan de Competitividade Turística. Nas vindeiras semanas empezará a percorrer diferentes cidades españolas e portuguesas amosando a oferta turística da cidade. "Vai ser un elemento de promoción moi importante para Vigo, xa que presentará a nosa oferta en destinos que sabemos que son susceptibles de achegar visitantes á nosa cidade", indicou o nacionalista.