Escoitar

O Auditorio Municipal propón un concerto de Mark Kozelez e un espectáculo do mago Cali para o fin de semana

A Concellería de Cultura e Animación Sociocultural organiza no Auditorio Municipal dúas actuacións ben diferentes para este fin de semana. Mañá sábado, 19 de febreiro, propón gozar co concerto que ofrecerá Mark Kozelez a partir das 21 horas. As entradas teñen un prezo de 10 euros. O domingo, o mago Cali abrirá as portas da imaxinación dos máis pequenos e pequenas co espectáculo "Contos de maxia", ás 18 horas. As entradas teñen un prezo de 3 euros para os nenos e nenas ata 12 anos e 5 euros para os maiores. Nos dous casos pódense adquirir na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.

venres, 18 feb 2011
Mark Kozelek chega a Vigo na súa xira de presentación do novo disco, "Admiral Fell Promises", acústico e solitario. Ademais de interpretar novos temas, tamén aposta pola recuperación dalgúns temas que xa gastan soleira, coas paisaxes máis belas da súa música. Ademais, Kozelek é un dos poucos cantautores americanos que conseguiron que se publiquen libros das súas letras en varios idiomas. En España a editorial "Os libros do Señor James" estreouse hai un par de meses coa edición de "Noites de tránsito", unha recompilación do cancioneiro do artista.

Sorpresa, ilusión e humor son os tres ingredientes do espectáculo que o mago Cali ofrecerá o domingo. A realidade e a fantasía mestúranse para que nunca perdamos a capacidade de soñar. A maxia abre a porta da imaxinación grazas á lectura e as palabras, que se converten en fascinantes historias máxicas. A mestura de elementos da vida real cos elementos fantásticos farán unha actuación divertida, entretida e fascinante.