Escoitar

Exposición no Verbum sobre "O obxecto poético e a edición.Dúas achegas dende o surrealismo"

O museo Verbum – Casa das Palabras inaugura hoxe a exposición temporal "O OBXECTO POÉTICO E A EDICIÓN. DÚAS ACHEGAS DENDE O SURREALISMO" que se poderá visitar ata o vindeiro 1 de maio en horario de martes a domingo de 10 a 19 horas. A mostra é unha incursión no surrealismo mediante un proxecto expositivo realizado ad hoc para o Verbum da man da Fundación Granell.

xoves, 17 feb 2011
No surrealismo a percepción poética da vida e da arte é un dos seus principais alicerces. De facto, a vangarda nace en primeira instancia como movemento literario. Pero para eles a poesía non é soamente os versos e os poemas en prosa: a poesía é a calidade de certas cousas en funcións que existe mesmo alá onde non se trata de arte.

Así a exposición está conformada por unha coidada selección de obxectos de artistas clásicos do surrealismo internacional como Eugenio Granell, Ludwig Zelller ou Susana Wald, e de artistas vinculados ao mesmo, da talla de Marcell Duchamp, así como doutros autores e autoras que continúan hoxe en día realizando novas contribucións ao movemento.

A mostra achéganos asemade á complexidade e actualidade do movemento a través dunha selección das súas publicacións. A revista surrealista é unha ferramenta fundamental para os creadores plásticos e literarios, tanto como foro válido no que debater ideas éticas e estéticas, como a modo de escaparate e sistema de difusión das súas pezas, e ás veces, tamén como único medio de edición para as súas creacións.

Para a inauguración contarase coa presenza da comisaria da mostra, Monse Cea, representantes da Fundación Eugenio Granell e o director do museo Verbum, Rosendo Gonzalo Covelo Roma.