Escoitar

O Auditorio Municipal acolle mañá xoves o espectáculo de danza contemporánea para todos os públicos "Sono silente"

O programa de artes escénicas que organiza a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural no Auditorio Municipal continúa mañá, 17 de febreiro, cun espectáculo de danza contemporánea para todos os públicos. Trátase da obra "Sono silente", que representará a compañía Bstudiodanza ás 20.30 horas. O prezo das entradas é de 5 euros, e poden mercarse na web www.laboleteria.es ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación.

mércores, 16 feb 2011
"Sono silente" está inspirada no cine silente dos anos 20 e 30, toma como referente a imaxe potente da actriz Louise Brooks e dous dos seus filmes máis coñecidos "The Canary Murder Case" e "Pandora's Box". A peza evidencia o devir performativo da feminidade e "a mascarada" teorizada por Joan Riviere nun traballo de gran carga simbólica e poética.

A ausencia da palabra, a forza da imaxe, o valor da mirada e a linguaxe corporal e xestual coinciden, en grande medida, coa visión plástica e poética das obras de Bstudio. A análise da imaxe estereotipada da muller no discurso cinematográfico da época busca describir e clasificar os roles que se lles asignaban aos papeis femininos. Este proceso ten como obxecto cuestionar o sentido da muller, tanto como figura dentro da pantalla, como creadora fóra dela, tendo no corpo o eixo da reflexión.