Escoitar

Santi Domínguez presenta "De tendas por Vigo" como medida de apoio ao pequeno comercio e fidelización dos seus clientes

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santi Domínguez, presentou este xoves "De tendas por Vigo", unha iniciativa que ten por obxectivo apoiar ao comercio vigués e que iniciará a primeira fase da súa andaina o vindeiro luns, 21 de febreiro. O nacionalista salientou que é unha ferramenta "para facer máis competitivo ao pequeno e mediano comercio da cidade" mediante plataforma www.detendasporvigo.com e o emprego dunha tarxeta de fidelización. Nunha segunda fase poderanse facer tamén compras on line

xoves, 17 feb 2011
1297959616Detendasporvigo.JPG
Santi Domínguez salientou que esta é unha plataforma novidosa para acceder a través de internet ao pequeno e mediano comercio, posta en marcha a través do plan FEIL. Explicou que na primeira fase que comeza o luns, unha vez que os comercios estean incorporados ao portal, a Concellería de Comercio subvencionará 500 lectores para os establecementos e 10.000 tarxetas para os usuarios e usuarias. Ademais da web, pódense realizar consultas no correo info@detendasporvigo.com e no teléfono 986 092 492.

Segundo o nacionalista, é obxectivo de www.detendasporvigo.com "ofrecer ao pequeno e mediano comercio da cidade ferramentas nas que poder ofertarse", da man das novas tecnoloxías, mediante un portal "no que sexa doado acceder tanto para os usuarios como para os comerciantes". Ademais, resaltou a importancia de transmitirlle aos vigueses e ás viguesas que o gasto que se fai no pequeno e mediano comercio "repercute na economía da cidade"; pola contra, manifestou que non sempre acontece así cos cartos que se invisten nas grandes áreas comerciais.

O nacionalista citou entre as vantaxes para os comerciantes dispoñer dun instrumento "moi eficaz" para fidelizar aos clientes e conseguir outros novos. Ademais, destacou que será un elemento para dinamizar o consumo dos vigueses no pequeno e mediano e comercio da cidade mediante unha tarxeta na que se acumularán punto. Santi Domínguez destacou que poderán adherirse á plataforma todos os establecementos que o desexen, tanto os integrados nas asociacións de comerciantes da cidade como os que non o están.

Para os consumidores, o tenente de alcalde destacou que, ademais de ter acceso aos comercios de forma dixital, tamén haberá vantaxes por dispoñer da tarxeta, ao poder participar en sorteos e recibir agasallos ao mercar nos pequenos e medianos comercios vigueses. Explicou que por cada euro de compra concederase un punto, e poderá comprobarse o seu listado no portal de forma actualizada, así como as tendas nas que fixeron as compras.

O tenente de alcalde comentou que as grandes áreas comerciais teñen sistemas propios de fidelización e de acceso ás redes sociais, mentres que para o pequeno e mediano comercio, que en Vigo engloba máis de 16.000 postos de traballo, resulta complicado acceder a estes sistemas. "Por iso as administracións teñen que prestar o seu apoio aos pequeno e medianos comercios", afirmou na presentación da iniciativa, na que participaron a presidenta de Fecovi, Encarna Álvarez, e os responsables de Vigo Vello, a Asociación de Comerciantes Zona Centro e da Asociación de Comerciantes Zona Príncipe. Santi Domínguez quixo expresar o seu agradecemento a estes colectivos pola súa colaboración na posta en marcha desta inicaitiva.

"Dende o BNG temos moi claro a aposta polo pequeno e mediano comercio", afirmou o nacionalista. Neste sentido lembrou que dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Comercio estableceronse por primeira vez axudas directas aos comerciantes, que supuxeron un investimento de 2.400.000 euros nos últimos dous anos. Mencionou tamén a realización de campañas de dinamización dos comercios, así como o plan de obras dos mercados municipais.

Encarna Álvarez, pola súa banda, salientou o "traballo en equipo" que se está a desenvolver coa Concellería de Comercio e afirmou que este proxecto é "unha marabilla porque é o que necesitabamos". Indicou que os comerciantes por si sós non poden crear unha plataforma como esta, debido ao seu custe. Ao seu xuízo, "vai ser un escaparate boísimo para os establecementos", polo que expresou o seu agradecemento á Concellería de Comercio pola iniciativa.
Descargar todas as imaxes