Escoitar

O tenente de alcalde felicita ao Iveco Universidade de Vigo de Rugby polo seu ascenso á división de honra

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, expresou este luns os seus parabéns ao Iveco Universidade de Vigo de Rugby, que onte acadou o ascenso á división de honra tras gañar ao CRC Madrid, nunha recepción que tivo lugar no Auditorio Municipal. O nacionalista, que entregou unha praca conmemorativa ao presidente do club, destacou que con este logro o Iveco ten un labor aínda "máis importante", ao ser espello dos rapaces e rapaces que se acheguen á práctica do rugby.

luns, 21 feb 2011
1298305816rugby.jpg
"Sentímonos tremendamente orgullosos do que conseguíchedes ao ser o primeiro equipo galego que accede á categoría de honra", manifestou o tenente de alcalde. Para Santi Domínguez, ademais dos seus logros deportivos, os equipos de elite teñen un labor fundamental, como é o traballo "pola práctica deportiva na nosa cidade".

O presidente do Iveco Universidade de Vigo de Rugby, Ramón Babé, agradeceu á Universidade de Vigo o apoio, así como aos patrocinadores e ao Concello de Vigo, nomeadamente a Santi Domínguez. O vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, afirmou que é un "privilexio que un equipo que leve o nome da Universidade de Vigo estea na división de honra" e reiterou o ofrecemento das instalacións universitarias ao equipo.
Descargar todas as imaxes