Escoitar

O alcalde presenta "a recuperación do primeiro Camiño de Santiago", unha nova ruta por mar desde Portugal

Abel Caballero presentou hoxe martes esta nova ruta que parte desde Viana e pasa por Vigo camiño de Vilagarcía e Santiago, a ruta orixinaria do apóstolo á súa chegada nun barco de pedra a Compostela. Esta iniciativa parte o 2 de xullo cun máximo de 40 embarcacións e nace con vocación de continuidade nos próximos anos. Na presentación participaron o presidente do Liceo de Bouzas, o vicepresidente da Entidade Rexional Turismo do Porto e Norte de Portugal e o presidente da Asociación de Amigos da Ruta Marítima Xacobea.

martes, 1 xuñ 2010
1275394719ruta.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, participou este martes na presentación dunha nova ruta xacobea, desta volta marítima, que supón "a recuperación do primeiro camiño de Santiago", o que completou o apóstolo -segundo reza a lenda- á súa chegada a Compostela en barco de pedra.

Na presentación pública da ruta marítima xacobea "O Cabaleiro das Cunchas", o alcalde estivo acompañado polo presidente do Liceo de Bouzas, Xoán Ramón Carballo, o vicepresidente da Entidade Rexional Turismo do Porto e Norte de Portugal, Julio Meiriños, e polo presidente da Asociación de Amigos da Ruta Marítima, Paulino Freire. Todos eles destacaron a "experiencia histórica" que iníciase este ano con vocación de continuidade.

Segundo explicaron, un máximo de 40 embarcacións partirán o próximo día 2 de xullo desde Vigo dirección a Viana do Castelo, onde comeza este ano a ruta marítima. De Viana partirase en dirección a Bouzas, a Illa de San Simón, Combarro e Vilagarcía de Arousa o día 7 de xullo, onde completarase noutro medio de transporte a peregrinación ata Santiago de Compostela. O 9 de xullo finaliza o percorrido co retorno marítimo a Vigo desde Vilagarcía.

Todos coincidiron en afirmar que a ruta deste ano é o inicio do que agardan poida converterse en tradición xacobea e nun dos "emblemas" de Galicia. "Temos a determinación de que esta ruta se faga todos os anos", apuntou Paulino Freire, en torno ao primeiro domingo do mes de xullo.

Esta primeira edición de 2010 parte de Viana do Castelo, debido á crise económico, pero os organizadores xa prevén extender a saída do próximo ano a Matosinhos. O orzamento desta nova opción xacobea ascende a 42.000 euros sufragados por tres entidades colaboradoras, máis da metade do total destinada a garantir a seguridade dos navegantes. Os portos participantes colaborarán tamén cunha achega económica.
Descargar todas as imaxes

Máis información