Escoitar

O martes ábrese o prazo de inscrición para participar no programa Verán Xove 2010, que oferta 2.000 prazas

O prazo de inscrición para participar no programa "Verán Xove 2010" comeza o martes, 1 de xuño, e estará aberto ata o día 10 de xuño, segundo anuncia a Concellería de Xuventude. A documentación entregarase na Casa da Xuventude de 9 a 13.30 e de 17 a 19.30 horas, e ademais da ficha de inscrición é preciso presentar a fotocopia do DNI do pai, nai ou representante legal do menor, o volante de empadroamento do menor, unha foto tamaño carné do rapaz ou rapaza e unha fotocopia da súa tarxeta sanitaria.

luns, 31 mai 2010
A edición deste ano de "Verán xove" oferta nesta convocatoria preto de 2.000 prazas, das que o 10% están reservadas para rapaces e rapazas con necesidades educativas especiais. En total inclúe 220 prazas máis que o ano pasado, co obxectivo de cubrir as necesidades da cidadanía e promover a conciliación da vida laboral e familiar. Ademais, as actividades manteñen os mesmos prezos do ano pasado, co obxectivo de facilitar a participación no programa de todas as familias.

"Verán Xove 2010" ofrece novas propostas, como o Verán en Castrelos, Verán de expedición en Vicus, o obradoiro de cómics "Un mar de viñetas" e a programación de actividades na ludoteca de Coruxo. Estas alternativas uniranse aos campamentos en Bouzas, Lavadores, Samil e Teis, Tempo libre na Beiramar, a Escola hípica de verán o campamento de actividades náuticas e o campamento urbano.

Asemade, os rapaces e rapaces tamén poderán participar nas actividades lúdicas que se desenvolverán nos programas Castroconcertos, Súbete ao Castro, o intercambio xuvenil europeo "Draw me a future", nas ludotecas da Casa da Xuventude, Coia, Lavadores e O Calvario. Tamén forman parte de Verán Xove 2010 as propostas deportivas como o XI Campus Polideportivo, o X Torneo Internacional de Fútbol Base "Vgio Cup" e remo en Coruxo.