Escoitar

Santi Domínguez inaugura Ferrería e San Sebastián, rúas esenciais na recuperación da parte alta do Casco Vello

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, inaugurou este xoves a reforma das rúas Ferrería e San Sebastián, así como Subida a Costa, unha actuación fundamental na rehabilitación da parte alta do Casco Vello que contou cun investimento de 703.000 euros. No acto, no que participaron diversos integrantes da corporación municipal e das entidades veciñais e de comerciantes do barrio, o tenente de alcalde afirmou que o traballo realizado tamén incluíu a recuperación do "noso patrimonio", coa posta en valor do Banco dos Contos.

xoves, 19 nov 2009
1258640175inauguracionferreria.jpg
"Do mesmo xeito que o 28 de marzo, os veciños e veciñas representan a Reconquista en tres fases, nós estamos coa primeira delas vén cumprida na reconquista do Casco Vello", afirmou o Santi Domínguez. Explicou que dende a Tenencia de Alcaldía e as Concellerías de Patrimonio Histórico e Cascos Históricos tomouse a decisión de comezar as actuacións polas zonas máis degradadas, como son as rúas Ferrería e San Sebastián. "Quixemos recuperar espazos para o público e adecentalos", salientou.

O tenente de alcalde destacou que a remodelación das rúas Ferrería, San Sebastián e Subida a Costa, nun total de 1.489 metros cuadrados, incluíu o cambio de abastecemento, a instalación da rede de gas canalizado e a colocación de novas luminarias e novo mobiliario urbano, entre outras iniciativas. Proba das axeitadas actuacións que se están levando a cabo, segundo Santi Domínguez, é que as rúas rehabilitadas do Casco Vello veñen de superar unha "proba de lume" cos recentes temporais cando non se producíu ningún tipo de inundación "como noutros anos".

Na rúa San Sebastián o traballo realizado tamén conlevou a posta en valor do patrimonio histórico coa recuperación do Banco dos Contos, "onde hoxe todos e todas nos podemos sentar onde antes os comerciantes facían as contas das vendas no mercado do Paseo Granada", explicou. Esta actuación, ademais de deixar ao descuberto o banco histórico supuxo a colocación dunha praca explicativa.

Tras felicitar aos servizos técnicos e a empresa que está realizando as reformas no Casco Vello, Santi Domínguez destacou que esta primeira fase de rehabilitación que supón a reforma de 19 rúas rematará coa inauguración da gran praza que formará o eixo Porta do Sol, Elduayen e Paseo de Alfonso. Avanzou que a seguinte fase incluirá a actuación das rúas que falta por humanizar, así como a aposta por un medio de transporte no Casco Vello "ecolóxico e con boa periodicidade".
Descargar todas as imaxes