Escoitar

O alcalde garante que a nova terminal de Peinador permitirá a Vigo ser cabeceira de cruceiros

Abel Caballero indicou que, "en dous ou tres meses", o arquitecto César Portela rematará o proxecto da nova terminal de Peinador, "o gran aeroporto internacional" que Vigo precisa para converterse en porto de saída de grandes cruceiros. O alcalde constatou hoxe venres co seu director o "bo ritmo" que levan as obras e os proxectos do aeroporto.

venres, 24 abr 2009
1240578316P4240363.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, estimou hoxe venres que "en dous ou tres meses" estará rematado o deseño da nova terminal de Peinador, "o gran aeroporto internacional" que permitirá a Vigo converterse en cabeza de cruceiros.

O rexedor pasou revisión aos plans de expansión do aeroporto de Vigo co seu director, Antonio García Pierre, e constataron o "bo ritmo" ao que marchan as obras do aparcadoiro en construcción, así como a ampliación -xa rematada- do espazo de estacionamento para os avións.

Ao respecto da nova terminal, Abel Caballero agarda que o arquitecto encargado da mesma, César Portela, teña rematado o seu deseño "en dous o tres meses", tras o que o Ministerio de Fomento licitará a obra. O "novo aeroporto", salientou o alcalde, permitirá duplicar a súa capacidade ata asumir entre 3 e 4 millóns de pasaxeiros.

Alcalde e director constataron asemade que as obras do novo aparcadoiro, xa en construcción, avanzan en prazos e estará finalizado "na primaveira de 2011". Abel Caballero explicou que o espazo estase a construir en dúas fases: unha primeira en marcha con capacidade para 1.200 vehículos que tan pronto estea finalizada entrará en uso, mentres a segunda fase do proxecto inicia e completa a súa construcción. O futuro aparcadoiro contará con 2.500 plazas.

Ademais, no tocante ás infraestructuras de acceso a Peinador, o alcalde avanzou que as dúas rotondas, instaladas de modo provisional, están xa licitadas e contratadas polo Ministerio de Fomento, e na actualidade os técnicos están iniciando os traballos previos.

Liña a Bruselas
Abel Caballero comunicou a García Pierre que a Fundación ProVigo retoma con novo xerente a promoción do aeroporto de Vigo e, unha vez a conexión con Londres de Clickair está a funcionar "razonablemente ben", volcarase en conseguir a liña con Bruselas.

A compañía Lufthansa adquiriu Air Brussels, co que o novo xerente de Provigo retomará as conversas para que Lufthansa habilite a conexión directa de Vigo e Bruselas.

Abastecemento e saneamento
O alcalde deu conta asemade na rolda de prensa da Xunta de Goberno Local celebrada este venres, na que se aprobou a encomenda a Aqualia e a FCC para a realización de obras de ampliación e mellora das redes de infraestruturas de saneamento e abastecemento.

O investimento total nesta materia aprobado polo goberno ascende a 40.000 euros e supón melloras en Arquitecto Pérez Bellas, Severino Cobas, a rúa Rola e Manuel Costas Bastos, para dar servizo este último ao cemiterio municipal de Candeán.
Descargar todas as imaxes